1.- Seguidismo.
O
galeguismo, isto é o nacionalismo galego, ao non ser quen de erguer un proxecto
con pretensión de hexemonía social, agás na breve década de remate do século
XX, tivo, tanto na contemporaneidade como na historicidade, unha pulsión imitadora, de gratificación no
reflexo de “outros”, de aparvamento papaleisón e en última instancia de
desconfianza nas propias potencialidades, que, en ocasións, non fixo máis que amosar con crueza a súa
debilidade e afastar das súas propostas a quen tentaba convencer.
Nos
albores políticos o entusiasmo tiña a súa orixe na Irlanda católica, céltica e
poética ou nas ansias de reintegrarse, ben nunha fantasiosa rememoración da
vella Gallaecia ou na vizosa e resistente Portugal que, agás en puntuais e
interesados momentos, non só nunca prestou a máis mínima atención ao seu Kosovo
particular e non recoñecido, senón que procurou, e procura, mirar para o centro
e afastar olladas irredentas cara ao norte. Neste rodopío segue encerellado como
consolo unha salientábel parte do galeguismo político-cultural.
Houbo
momentos nos que esta ansia por asemellarse ao movemento admirado chegou ata o
extremo do papaleisón absoluto. Durante a década dos oitenta o nacionalismo
galego organizado entregou o seu esforzo e hipotecou a súa acción ao movemento
abertzale ata o extremo, mesmo ridículo, de renunciar á súa propia expresión política para poder
gabarse do seu sacrifico solidario. Por fortuna daquela abdución foise saíndo,
non sen dificultades, para encetar a fase de maior presenza social do
galeguismo na fin de século cronolóxico ao que nos referimos máis arriba.
Temo
que a pulsión imitadora, e limitadora, rebrote co catalanismo actual. Ao mellor
xa o fixo. Será tan ineficaz como cando Solidaridad Gallega, e habería que
agardar polas Irmandades para retomar a vontade de tecer nación. Escoito
entusiasmo excesivo con procesos que non son nosos. A nación dos galegos e
galegas, abandonada polas súas elites políticas e económicas, non tivo máis expresión
de vontade que a que lle deron, de xeito consciente ou non, as súas clases populares, o que hoxe
alcumaríamos como “os de abaixo”, ou como faga o filósofo de cabeceira de cada
quen. O punto de encontro segue estando alí onde se cruzan esquerda, nación e
democracia e en consecuencia o proceso galego ou é único, orixinal e non
reflexo, ou non será.
2.
Illacionismo
Ser
moi conscientes de que o proceso é autónomo, fundado nas propias forzas, non
escusa a necesaria relación tanto con outros movementos de emancipación
nacional como a acción a respecto dos dous estados que nos arrodean. Sinalar dúas
cuestións fulcrais para o desenvolvemento do galeguismo político.
Por
unha banda a precisa e urxente achega, todo o medida que se queira, á norma
internacional da lingua portuguesa, sabendo que a iniciativa é nosa e que se
ten que presentar nas institucións para reabrir o debate en termos de beneficio
para o idioma a afastado de disputas fratricidas; seguramente a peor das moitas
que nos asolan e asolaron e a máis inútil de todas. Hoxe cando as persoas de
fala orixinaria galega xa non só deixaron de ser maioría senón que o galego
perde falantes ao mesmo ritmo que habitantes, unha lingua falada polos vellos
da tribo ten as mesmas posibilidades de supervivencia ca estes.
A
lingua ten que reinventarse para sobrevivir nun mundo intercomunicado,
atravesado por linguas de uso, unha esperanza pode ser achegarse á norma portuguesa, menos disolvente para a nosa
lingua minorizada, simplemente porque a sitúa nun espazo comunicacional diferenciado
do español no momento en que a supervivencia da lingua está cada vez máis indisolubelmente
unida á proxección social da proposta galeguista nacional.
A
soberanía do proxecto de nación non empece, nin limita, a táctica de alianzas
tanto no vector nacionalista como no eixo da esquerda. A única limitación é a
autoorganización, a soberanía da alianza. Non parece comprensible o desequilibrio,
o abandono do punto de encontro, agás que as alianzas se fagan dende a vella
perversión da vangarda orientadora de febles, en ideoloxía, compañeiros de
viaxe. As alianzas entres iguais, sen mingua de soberanía, como acumulación de
forzas e expansión do proxecto nacional, non só
parecen comprensibles senón mesmo necesarias.
Ese
diálogo, dende a total soberanía, é preciso coas forzas de esquerda española.
Este será sempre tenso, mesmo en ocasións contraditorio, mais non é doado de
entender que a esquerda galega practique
o illacionismo defensivo do resistente e abandone ou rexeite inmiscirse na
formulación de alternativas a nivel estatal. Ben que o souberon facer as
dereitas nacionalistas vascas ou catalás, por certo con gran habelencia durante
anos.
As
brutais descualificacións entre as
esquerdas galegas e as españolas só se entenden como unha disputa territorial,
por certo ben pouco práctica, agás se a consideramos dende o punto de vista das
elites partidarias. Outra cousa ben distinta é a renuncia a un proxecto
soberano, á autoorganización, como ten
ocorrido nalgunha ocasión recente.
Estas
reflexións, mesmo coas súas aparentes, ou reais, contradicións, xurdiron ao
regreso dun once de setembro que abriu moitos interrogantes e alimenta moitas
esperanzas.
Xoves,
14 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario