martes, setembro 05, 2017

Oe, aínda está en garantía?

Pasoume en varios ocasións cos trebellos eléctricos ou electrónicos, mesmo nunha ocasión cun automóbil. Cando algo se estragaba en tempo prudencial,  apañaba o televisor, o vídeo, o   batedor... ou o que fose, embalábao o mellor que podía na caixa que gardaba no faiado, e armado de paciencia, convencido de que todo é máis factible se o fas con tino, e de que a capacidade de lograr algo doutra persoa é máis doada se o fas con educación, dirixíame á  tenda na que mercara o aparello; nos brazos a caixa e no interior o papeliño coa garantía, case sempre de dous anos.

Agardados os pertinentes minutos, explicáballe ao empregado o meu desacougo polo desarranxo. Xa o vías vir, atendía con indisimulada desatención meneando a cabeciña dubitativo, claro... é que isto... a tecla, está frouxa polo uso, se non a usaran non estaría frouxa... e claro... non é que o aparato estivese mal senón que está usado e paréceme que así non entra na garantía... ademais mire na tecla nótase ben que hai restos de “nocilla” ou de chourizo, ou así, o que quere dicir que aí dábanlle os rapaces e... vaia saber vostede como lle daban, claro... onde hai rapaces... e claro agora non funciona... ben, se quere vir dentro duns días eu consúltolle ao técnico, pero dáme que non lle entra en garantía.

A miña paciencia, tino e educación chegaba ata alí. Bufaba coma os bisontes das películas, metía o aparello e o papel da garantía na caixa. Con esta debaixo do brazo, saía da tenda, cruzaba a rúa e uns metros máis arriba dirixíame ao que arranxaba televisións e o que se lle puxese por diante. Aos poucos días chamaba. Tira co choio dicía, ou cústache tanto. Déixate de garantías, concluía.

Lembro estes evanescentes certificados ao escoitar, dende hai tempo, as forzas, soi-disant, emerxentes de Cataluña reclamar garantías. A verdade é que non entendo ben a quen llas piden, nin cales demandan. A min parecésenme a aquel dependente que meneaba a cabeciña, como os cans con párkinson que algúns poñían no  maleteiro dos coches, que andaba con aquela trécola non porque non tivese garantía, que eu tíñaa, senón porque o que non quería era arranxar o aparato.

Aquí, tres cuartos do mesmo. Non é que non haxa garantía, o que non queren é amañar o  choio. Dos construtores do aparello era de esperar que non lles guste recoñecer os defectos de fábrica, co ben que lles ía, pero non agardaba  que os que anunciaban que querían mudalo todo fosen esfurricar tan pronto. E iso que a mudanza arránxase con censo, urnas e papeletas.

Domingo,tres de setembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario