Dubidei
en poñer como ilustración deste artigo a lámina, ben coñecida por outra banda,
de Castelao. Provocou as miñas vacilacións, non fose o demo, que lle chegase ao
fiscal ese da Maza, un señor que goberna, auxiliado polo Constitucional, en
nome do presidente Rajoy, que non goberna en maioría senón por carambola, e
fose acusar o noso prohome político de
sedición ou cousa semellante. Ben saben, sedición: levantamento colectivo e
violento contra a autoridade, a orde pública ou a disciplina militar; non chega
á gravidade da rebelión pero ándalle preto
(art. 544 do Código penal); os que inducisen, sostivesen ou dirixisen a
sedición serán castigados con pena de prisión de oito a dez anos, e se son
autoridades de dez a quince, con inhabilitación absoluta en ambos casos. Os que
non inducisen, sostivesen ou dirixisen pero fosen acusados do mesmo delito
serán condenados a pena de entre catro e oito anos e inhabilitación para cargo
e emprego público durante o mesmo tempo (artigo 545). Seica ven indicios de
sedición nos presidentes de Omnium Cultural e da ANC así como en diversos
membros do goberno catalán e seica poderán ver algúns máis no futuro. Un
disparate.
A
min estas palabras grosas danme medo dende que hai anos dediquei moito tempo a
ler as causas militares embutidas en formalidades legais contra homes e
mulleres condenados, arruinados, encarcerados, torturados, fusilados nos
concellos do Val Miñor. Eran moitas as causas e moitos nomes e estas palabras:
sedición, rebelión, pena, anos de cárcere, pena de morte, inzaban por aquelas
paxinas de aparente legalidade e absoluta barbarie real. Aínda agora oitenta e
un anos despois aquelas farsas xudiciais seguen tendo valor legal; aínda que
nunca tiveron lexitimidade. Para vergonza e oprobio dos gobernantes das últimas
catro décadas autodenominadas democráticas.
Sabíao
ben Castelao que a experimentou el propio e o percibiu e o observou en
múltiples ocasións, que a lex pode ser un cadáver fedorento cando é inxusta, ilexítima
ou cando se aplica sectaria ou excesivamente. Contra dela non só é ético
rebelarse, senón un deber moral.
Por
iso, en democracia, os conflitos políticos resólvense a través de
negociacións, transaccións, acordos, diálogo. Entre Cataluña e o Estado español
existe un conflito político que vén de moi atrás e que cada certo tempo, en
contextos diversos, reavívase, recrúase e ante o cal España sempre respondeu
con violencia. A Diada conmemora unha derrota.
Ollando
uns anos atrás, lembramos un Estatuto que aprobou o Parlamento de Cataluña
(todos os grupos a favor menos os 15 deputados do PP) que, despois de
“convenientemente cepillado” pola Comisión Constitucional do Congreso, foi
aprobado pola Cortes Españolas, e logo referendado polo cidadanía catalá e que,
a instancias do PP (acordan a Esperanza Aguirre recollendo firmas na rúa
Salamanca de Madrid?) e inspirado polo partido comandado por Rajoy, o Tribunal
Constitucional rematou por tombar. Daquela o pacto entre os partidos do réxime
do 78 e a burguesía catalá quebrou.
E
rompeuno, fundamentalmente, quen quixo
aproveitar a ocasión para recuperar o poder político en Madrid empregando a
pauliña catalá en substitución da etarra para carnaza de tertulianos, taxistas,
escribidores varios e locuaces diversos e así gañar votos no centro na España
profunda para regresar ao poder. Claro que despois veu a crise esa e os seus
latrocinios, os legais, aproveitando as crises bancarias provocadas, e os legalizables con artimañas xurídicas e
sacrificados homes de palla ben recompensados. A burguesía catalá enmerdada no
réxime do 78 e na corrupción fixo mutis polo foro.
E
agora persisten con pauliña da lei. A
lei, cando fede, cámbiase. A constitución, cando non serve, refórmase. A
política está para acordar e non confrontar. No fracaso da política ten máis
responsabilidade quen ten máis poder. Non hai referendo pactado porque o
goberno do PP nin quixo, nin quere, non porque o goberno de Cataluña ou o
Parlamento se botasen ao monte.
Xoves, 21 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario