Dende
que funciona masivamente isto de internet (google e demais) os profesionais da
medicina comezan a padecer o que, os que
fomos profesores de historia , tivemos que aturar en múltiples ocasións. Iso de
que de historia todo o mundo pode discutir e opinar; pois é algo que cada un
pode ver ao seu xeito. Agora hai xente que consulta a súa enfermidade en google
e discute co médico o diagnóstico ou ata a técnica cirúrxica a empregar. Nas
ciencias sociais isto sempre pasou un pouco, pero sobre todo na historia porque
ten unha forte compoñente ideolóxica no
presente; aquilo que Gramsci apuntou: “A historia é sempre contemporánea, isto
é, política”.
Vén
isto a conto de asuntos que se poden consultar na wikipedia. Primeiro a
afirmación reiterada polos falabaratos mediáticos diversos de que a
Constitución non permite celebrar referendos, ergo é ilegal por definición e
non por negación do executivo e do lexislativo. Ben sei que en historia se
emprega unha marxe de seguridade para non precipitarse; hai un acordo tácito en
que esa marxe é arredor dunha xeración,
isto é un cuarto de século. Un amigo meu afirmaba de xeito rotundo, historia
despois de 25 anos, o resto é xornalismo; non sei se aos xornalistas a descualificación
lles faría chiste algún. Mais como esa marxe de distancia está aí e non quero
perturbala só pretendo relembrar dous feitos, e aí volvemos á historia, os feitos, os datos non se poden
ocultar, disfrazar, negar... logo as
circunstancias terán interpretacións, os datos lecturas, os feitos percepcións
...
Datos:
1.
O 30 de setembro de 2005 o novo Estatuto de
Cataluña foi aprobado cos votos favorábeis de PSC, ERC, ICV, e CiU, sumando 120 dos 135 deputados do Parlamento.
Os 15 deputados del Partido Popular votaron en contra.
2.
O Estatuto modificado, o celebre “cepillado”,
pola Comisión Constitucional do Congreso dos Deputados, e desatascado pola
intervención directa de Artur Mas, líder de CiU na oposición, aprobouse en
pleno o 30 de marzo de 2006 cos votos a favor de PSOE, CiU e ICV, IU, PNV,
Coalición Canaria e BNG e cos votos en contra de Partido Popular, ERC e Eusko
Alkartasuna, e a abstención de Nafarroa Bai y Chunta Aragonesista. O 10 de maio
o proxecto chegaba ao Senado que o aprobou sen modificación. O PP volveu votar
en contra e ERC abstívose.
3.
O 18 de xuño de 2006 celebrouse, en
Cataluña, o referendo de carácter vinculante para decidir sobre a entrada en
vigor ou non do Estatuto de Autonomía de Cataluña aprobado polas Cortes Xerais
do Estado. Na campaña do referendo apoiaron o Si, PSC, CiU e ICV, o Non,
Partido Popular, Ciudadanos e ERC e o resultado foi: Participación (48,85%);
votos a favor de (73,90%), en contra (20,76%); en branco (5,34%).
4.
Pasqual Maragall anuncia que non se
presentará á reelección. Carod-Rovira, que asume a vontade da cidadanía. Mariano Rajoy considera
o resultado un fracaso de Zapatero e que “Lo que exige un mínimo de patriotismo
y de sentido común es paralizar esta operación de liquidación de la nación
española”.
5.
O 28 de xuño de 2010, mediante a Sentenza
31/2010, o Tribunal Constitucional, ante o recurso de inconstitucionalidade
presentado por deputados do Partido Popular, resolveu por 6 votos a
favor e catro en contra a constitucionalidade da maior parte do texto, sinalando
a “ineficacia xurídica” do Preámbulo (onde constaba o termo nación ao referirse
a Cataluña) aínda que o fallo mantén a definición de Cataluña como nación, e
declarou 14 artigos inconstitucionais.
6.
O 10 de xullo do 2010 houbo unha
manifestación en Barcelona, co lema “Som una nació, nosaltres decidim”, contra a
resolución do Tribunal Constitucional, co apoio de todos os partidos políticos
do Parlamento de Cataluña agás PP e Ciudadanos. A asistencia superou o millón
de persoas.
7.
O 23 de agosto de 2011, Zapatero
propón a reforma do artigo 135, establecendo que o pago da débeda pública fose
o primeiro a facer antes que calquera outro gasto do Estado. A modificación
constitucional fíxose por procedemento ordinario, sen referendo, co apoio do PP
e do PSOE (316 votos a favor e 5 en contra) e a ausencia dos deputados de CiU,
PNV, ERC, IU, ICV, BNG e Nafarroa Bai.
8.
O 20 de novembro de 2011, o PP gaña
con maioría absoluta as eleccións xerais e Mariano Rajoy é elixido presidente
do goberno.
Venres,
22 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario