Contan
que cando dona “Carmen” estaba de visita en Meirás, os xoieiros da Coruña púñanse
a tremer por se se lle ocorría dar unha volta polos Cantóns. Os máis arrichados
tomaban vacacións, en agosto todos; os que non podían arriscábanse a que á señora se lle antollase tal ou cal xoia. Chamábanlle
“La collares”.Era un método de extorsión consolidado; imitado polas elites
franquista, tamén polas locais.
Na
miña vila, houbo un persoeiro do réxime que lle chamaban o “sete empregos”, porque
era os que tiña, e de todos cobraba; seica tiña moitos fillos e ben os
precisaba!, dicían que dicía. Dicían tamén que nunca levaba cartos nos petos
porque tampouco os precisaba; sitio no que entraba, sitio no que o invitaban.
O
home faleceu pouco despois de poñerse de moda o de votar en urnas. Non lembro
se foi nas primeiras ou nas segundas eleccións lexislativas, en calquera caso entre 1979 e 1982, xa
perdera algúns empregos e moita “autoridade”, pero seguía sendo, entre outras
cousas, director da Caixa Rural. O home, con intención benfeitora, metíalle a
cada cliente, no medio da “libreta de aforros”, as papeletas da UCD para que
non tivesen que facer o esforzo de pensar. Un xuíz, arrichado, como os xoieiros
que pechaban as portas, sóuboo e
empapelouno. Uns meses despois, aquel home grande e forte que tan ben lucía coa
guerreira branca de xefe local “del Movimiento”, isto é, alcalde, e coa azul da
Falanxe, falecía dun infarto. Seica co desgusto.
Era
un home fervoroso. Nunha ocasión, con motivo da visita de Franco á vila para
unha inauguración, chupou unhas boas labazadas. Entusiasmado coa presenza do “
xeneralísimo”, rompeu o cordón de seguridade para saudar o “salvador de España”; o movemento non foi ben
entendido polos da secreta que o arrempuxaron contra unha esquina mentres os
ollos se lle saían das orbitas e as fazulas se lle incendiaban entre o susto, o
medo e a vergoña polas olladas viradas cara a el.
Estes
aires melancólicos do fascismo viñéronme á mente este verán cando mirei as fotografías
dun, que na altura, no tempo dos sopapos ao “sete empregos”, tamén podería
andar pola vila onde o seu pai foi xuíz, coido; ben saben, o tal Rajoy Brei,
retratado co máis puro aire retrofranquista na festa do Casino de Pontevedra,
coa súa paxariña e acompañado de señoras de tiros largos, marcando diferenza.
Os
recordos abandonaron a melancolía para virar en xenreira cando souben que a
Fundación Francisco Franco, que exista é a negación do carácter democrático do
réxime do 78, ía ser quen xestionase as visitas ao Pazo de Meirás, e que este
íase converter nunha especie de “centro de interpretación e exaltación” da
figura do ditador.
E
os recordos convértense en temor cando escoito as cousas que din, os do réxime,
sobre unhas urnas e unhas papeletas, aquelas que tan mal lle fixeron ao “sete
empregos”, e escoito o fillo do xuíz
deitar ameazas, simples só na aparencia.
Sábado,
16 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario