Pretender
explicar feitos, construcións, símbolos... de tempos moi recuados, daqueles nos que carecemos de fontes
escritas, é certamente complexo, a pesar dos avances da investigación
arqueolóxica e das técnicas auxiliares procedentes doutros campos. Éo tanto
pola tentación de aplicar a racionalidade contemporánea a momentos nos que as lóxicas discursivas eran outras como pola dificultade para evitar que a
imaxinación bote a voar para atopar explicacións alí onde non as topamos de
xeito doado.
Nestes
últimos tempos lin dúas novas que provocan outras olladas sobre interpretacións
das expresións, non sabemos se cualificalas de artísticas, nin como, pola súa
dilata extensión temporal.
Unha
era que un arqueólogo norteamericano, non é tan recente a nova, concluíu, despois do
estudo das pinturas “rupestres” de oito covas de España e Francia, que a
maioría das pinturas foron realizadas por mulleres e que, por exemplo, tras
comparar a lonxitude dos dedos das marcas de mans, establece que o 75% son
femininas. A investigación dálle unha volta ao preconcepto dos
homes-cazadores-artistas que
ritualizarían as futuras accións de caza e que portarían, como se fose o soldo
gañado na fábrica, as pezas ao domicilio conxugal. Unha visión-reflexo da
realidade de finais do século XIX.
Di
o arqueólogo norteamericano que era moito máis complexo que “un grupo de tíos
cazando bisontes”, senón que as mulleres interviñan no só nos rituais, senón no
despece, selección e trasporte do animal cazado. Esta interpretación non
desbota a función do “chamán”, senón que considera que con frecuencia serían
mulleres. E mesmo a posibilidade de que as marcas das mans fosen como unha
especie de firma, como un dicir “isto fíxeno eu”; teriamos entón un inicio da
arte de autor. O debate continúa e sobre todo indícanos que canto máis
coñecemos das sociedades paleolíticas máis nos decatamos do superficial que é o
noso coñecemento.
A
outra nova aféctanos máis directamente. Procede neste caso da investigación
xeolóxica. O Instituto Universitario Parga Pondal que dirixe Vidal Romaní e a
Universidade de Aveiro argúen que a orixe de determinado tipo de petróglifos
non foi a acción humana xa que teñen homes
senón que teñen a súa orixe en procesos
xeolóxicos. Sería esta a orixe de moitas combinacións circulares, das
denominadas coviñas, dos serpentiformes e das formas en espiral.
Mesmo
concretan nalgúns conxuntos, especialmente coñecidos entre nós, como é o caso
do Monte Tetón, no concello de Tomiño, no linde con Gondomar, onde hai dúas
grandes combinación circulares, a das Portaxes e a de Real Seco.
Que
ambos petróglifos sexan de orixe xeolóxica e non antrópica non invalida nin a
súa fermosura nin o seu valor artístico-simbólico, pois foi o ser humano quen
lle deu ese valor a aquel espazo, quen soubo captar unha expresión estética da
natureza, quen soubo “ver” as formas daquel magma solidificado, quen mesturou
Arte e Natureza e quen o completou incorporando ducias de figuras.
Seguro
que o amigo Fernando Casás gusta desta “ollada xeolóxica” do Monte Tetón.
Mércores, seis de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario