Behjet,
o vello, axustou as catro bandas coloreadas do “shuttik” ao redor da cintura,
sobre o esaxerado avultado do “shalvar”; calzou as finas “klash” de algodón
branco, ollounas con orgullo; aquelou a curta chaquetiña militar marrón e con
tino ritual o “jemdane”, o sombreiro en forma de turbante branco e negro, propio
dos que se enfrontan á morte, dos “peshmerga”.
Ollouse
no vello espello escachado na parte superior. Viuse ben. Colleu con calma a daga
de mango de madeira, de carballo dos Zagros, con incrustacións en prata,
gardouna na vaíña de coiro de cabra, tamén repuxada con prateados. Antes de axustala
nas costas, polo medio do “shuttik”, lembrou a familia do outro lado, a do
Irán, a que o agasallou coa daga. Acariñou a madeira dos vales dos montes
nevados, onde medraban salvaxes o trigo, a cebada, as lentellas, as améndoas, a
noz, o pistacho, o albaricoque, a ameixa, a granada, a uva... é dicir o
neolítico e a humanidade. Suspirou con nostalxia.
Retornou
ao espello, alisou os bigotes negros, espesos, enormes. Ollouse aínda disposto,
vixiante, digno, como un kurdo das montañas. Virou sobre si mesmo e dirixiuse
ao vello colgador vencido dun lado para coller o kalashnikov que del penduraba.
Fixo un aceno , como que non lle regulaba a cabeciña, apañou a papeleta de riba
da mesa. Arrastrou a perna tesa por un balazo turco que lle esnaquizou a
rótula, tirou da porta e colleu en dirección do colexio electoral.
Polo
camiño rememorou aqueles señores de levita e sombreiro fungo bombín na testa
que, hai case cen anos, fixeron promesa de ceibalos dos turcos; lembrou como os
enganaron en Sevrés (1920) cos seus falares elegantes de gordos e perfumados e
como os traizoaron en Lausanne (1923). Acordou como os partiron como unha tarta:
o anaco grande para Turquía, o resto para Irán, Irak, Siria, o máis cativo para
Armenia.
E
continuou o sufrimento. Gaseado por Alí o químico, bombardeados, prenderon a
Saddam Hussein, localizaron a Bin Laden, derrotaron ao ISIS... Agora non van
deixar que se lle escape, outra vez a nación sen facela estado, aínda que sexa
un anaco porque non ter estado é como non ter fogar e un pobo non pode volverse
completamente humano, completamente el mesmo, se non ten un lugar de seu.
El
ben sabe que non todos van ir votar pero os que vaian vano facer pola
independencia. Ben sabe que Bagdag non só non vai considerar como vinculante o referendo, senón que nin sequera
admitirá a súa legalidade. Ben sabe que Irán non aceptará o resultado. Ben sabe
que tampouco o fará Siria. Mesmo sabe que a represión dos turcos contra os seus
compatriotas recruará. Pero tamén sabe
que agora non poden deixar que se estrague o que gañaron en décadas de sufrimento.
Agardou
a súa quenda tras unha mozas camaradas “peshmergas” que arrombaran as súas
vellas roupaxes militares e vestiron con ledas colores que as facían fermosas.
Depositou a súa papeleta na urna e matinou en que oxalá, oh alá, o kalashnikov,
todos os kalasnihkov, se enferruxasen para sempre.
Martes,
26 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario