1.- Non parece
que o obxectivo dos atentados xihadistas que se estenden por Europa e polo
mundo obedezan a razóns absolutamente homoxéneas. Cando menos hai diferenzas
concretas entre os perpetrados en territorios de maioría islámica non árabe,
nos países árabes e en occidente. Segundo as axencias que a estas cousas se dedican
das 866 accións terroristas cometidas ao longo do ano no que andamos, seguro
que xa van máis, o 75% foron cometidas por diversos grupos que podemos agrupar
baixo esta denominación xenérica, a inmensa maioría delas realizadas en Iraq, Afganistán, Siria, Iemen, Paquistán,
Nixeria, Somalia...
2.- Non
parece, contra o que se acostuma afirmar, que sexa “a nosa forma de vida
occidental” a que queiran destruír. Cando menos non todas as expresións desta
“forma occidental”. O que pretenden é provocar unha reacción
anti-laicista, de supremacismo racial e
cultural para contrapoñelo, nunha lóxica da aparencia, co crente oprimido. Son
a laicidade, a igualdade, a fraternidade e a liberdade, isto é, os valores
republicanos que se contrapoñen aos do sometemento á lei divina e aos seus representantes terreais.
Son os valores do igualitarismo e non os do capitalismo primitivo ou consumista
os que ven como inimigos; son os valores da liberdade os que ven como inimigos das súas xefaturas tribais ou monárquicas
hereditarias; son os valores da fraternidade e da soridade as que ven como
antagónicos co poder das elites continuadoras da familia do profeta ou da
lexitimidade xerárquica das igrexas; son os dereitos conquistados pola muller
os que contemplan como contrarios ao seu tradicionalismo patriarcal.
3.- Non parece
que se trate dunha guerra de relixións, nin moito menos de razas, nin por
suposto de culturas. Na realidade trátase dunha guerra global, do que
denominariamos un estado permanente de guerra, dunha guerra entre ricos e
pobres, que de momento, dende hai anos, xa o dixo Buffet, que de riquezas sabe
algo, van gañando os ricos. Mentres os pobres pelexen entre si encerellados en
hipotéticas diferenzas de relixión, raza ou cultura e sexa nese buraco sen
fondo onde trousen a dor, o sufrimento e os mortos, os outros, os de arriba, compartirán
non só o ceo senón as riquezas espoliadas da terra, sexan xerarcas brancos ou
morenos, monarcas cristiáns ou musulmáns, executivos dunha ou outra beira do
Mediterráneo, do Atlántico ou do Pacífico.
4.- Non parece
máis que un calote, unha estafa, unha nova fase de acumulación brutal, un novo
reparto do mundo en áreas de influencia e unha disputa polo seu control. Hai
anos que Huntington, coñecido pola súa análise da relación entre o poder
civil e o militar e sobre os golpes de estado no terceiro mundo, augurou que os
conflitos futuros, os de hoxe, serían o resultado dun choque de civilizacións.
Similares argumentos empregaron Sayyid Qutb, Abdullah Yusuf Azzam ou Al-Zawahiri. Eran os tempos da fin da historia, do triunfo definitivo do capitalismo, do
fracaso da revolución. Pretendían usurpar a democracia, convertela en sinónimo
de desigualdade, inxustiza e explotación. A Historia non tardou en regresar de
forma tráxica.
Os dous
paradigmas que se enfrontaron no século XX, revolución e democracia, chegaron
ao final do mesmo furtados, usurpados, roubados polo proceso de concentración monopolista do
capital, polos controladores militares das riquezas naturais e as elites
funcionariais xeradoras de novas clases dominantes. Na síntese liberadora,
diría Boaventura de Sousa, temos que
revolucionar a democracia e democratizar a revolución.
5.- Non parece
que vaian desistir. Os altofalantes mediáticos insisten en engrandecer a
estratexia de confrontación de culturas, relixións, razas... Non temos máis que
ollar as portadas da prensa, repasar programas de televisión, botarlle un ollo
furtivo a creadores de opinión que cualificarían apuntes coma estes de “basura
ideológica”, que nos advirten de que se trata dunha guerra santa da que non nos
decatamos porque somos idiotas ou dirixentes políticos que responden e de
Venezuela que? ou afirman dementes que cumpría matalos con balas enchoupadas en
sangue de porco.
6. Fica a
esperanza do “no tinc por”, da reposta cidadá contra as guerras de
intervención, da resistencia republicana á fascistización, do avance laico
fronte ás fobias relixiosas, da resposta solidaria fronte ao supremacismo racial e da defensa dun outro
mundo ante a irracionalidade depredadora do planeta.
Venres, 1 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario