venres, setembro 22, 2017

Un imprescindíbel

V Congrso da UPG. Foto: Xan Carballa
 Onte ao mediodía souben a triste nova do falecemento de Bautista. Para moitos de nós é simplemente así; pero para que o saibamos todos era Bautista Goyel Álvarez Domínguez, nacido en Loucia, na parroquia de Las, no concello do San Amaro, nas terras do vello Orcellón, ou do Carballiño, na nación galega. Un imprescindible.

Hoxe, baixo o amparo das murallas milenarias da gran cidade de San Cibrao de Las, cando no Carballiño é o día grande das festas do Setembro na honra do San Cibrao, acudín a saúdalo aínda que xa non me escoitase, nin me vise, fisicamente, que eu ben sei que o soubo. Alí fun acompañalo xunto aos seus camaradas de partido e a moitísimos excamaradas, como é o meu caso, que nos reunimos na súa memoria. Porque o Bautista era quen de escoitar, defender a súa visión con vehemencia, respectar as de outros e xuntar vontades. Vin moitas caras avelladas polos anos e sentín algunha ausencia.

Ao remate, aínda que fose de escapada, subín ata a cima de Santrocado, San Trocado, San Torcuato ou mesmo, segundo nos explicaba O Corcheiro,  Santo Catro, pois alí xúntanse catro parroquias: Santa Uxía de Eiras, San Cibrao de Las, San Xoán de Ourantes e Santa Baia de Laias. Alí, na cima do coto, onde hai un bido que non debería, pé da capela, ollei como o Barbantiño deita no Miño, as reviravoltas entre Arrabaldo e o encoro de Castrelos, fitei o Coto de Novelle e acordei do “erguemento azul do coto da Bidueira”, “non lonxe da aldea dos Solovio”. Bautista, como Solovio, descubriu a patria na capital da España e regresou para fundirse nela.

Revireime, ollei para o norte, para a Martiñá, e lembrei un día, hai moitos anos, en que o coñecín. Era eu un rapaz. Foi no Carballiño. Uns mozos vigueses acompañaban a un amigo que impartía aulas no Instituto de Cangas. Un deles non cadraba cos demais, non só por ser un algo maior, senón tamén polos seus vestires, engravatado, camisa branca, chaqueta, semellaba un empregado de banca ou algo semellante, pero sobre todo pola vehemencia e ledicia coa que falaba, abertamente, daquela non era frecuente, de antifranquismo, galeguismo, nacionalismo, clases populares. Deunos, alí, nunha cafetería, paréceme, un, despois souben que se lles chamaba así, “seminario”; facía proselitismo político, e ben, pois dos que lembro vagamente que alí estabamos, todos son hoxe militantes da nación galega e das causas populares. Así era o Bautista, entusiasta da causa.

Despois coincidimos en Santiago, a finais dos setenta, cando o partido o mandou irse para alí. Ás veces acompañabámolo no café. Na difícil, para o nacionalismo galego, década dos oitenta, compartimos debates e tensións no Comité Central da UPG e no Consello nacional do BNG.

Pola noite, abrín o facebook e vin unha serie de fotos que “colgou” Xan Carballa. Entre elas unha da mesa do V Congreso da UPG. Foi un momento difícil, para todos, en especial para Bautista, no centro da tormenta, a quen o “partido” non só non lle autorizara a prospectar as portas que pretendía abrir o presidente do parlamento, Rosón, senón que tivera que empregar unha formula de xuramento que non deixaba marxe de manobra e mesmo soportar chanzas polo seu empeño en defenderse con argumentos xurídicos do atropelo que cos tres deputados estaban a cometer. O BNG creárase pero estaba encallado. Beiras, só, fora elixido como  deputado a finais de 1985. Antes do remate de ano houbo unha asemblea extraordinaria do BNG na que se decide eludir atrancos e participar na actividade institucional no Parlamento.

Naquel V Congreso encargáronme elaborar un relatorio que, vexo na web da UPG, titulábase “A política partidaria no frente patriótico”. Tratábase de sacar ao BNG da inanición. O relatorio xerou moito rexeitamento; algún, daquela dirixente, tirouma enriba da mesa cualificándoa de “merda”. Marcharon algúns compañeiros e formaron o “Colectivo 22 de Marzo”. Mais ou menos un ano despois o BNG atinou no vello Cine Rivas do Carballiño. Lembro o brillante e entusiasta discurso de Bautista.

     Era un dos imprescindíbeis.

Domingo, 17 de setembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario