O fabricante norteamericano asegura que o vermello
das balas
é un concentrado de sangue de porco
|
Mesmo
esas distancias, insignificantes na actualidade, marcaban profundas diferenzas
culturais acrecentadas nos meses iniciais, para ir, aos poucos, asumindo a
normalidade. Por exemplo na vila para á que fomos dicíanlle “pitolas” ao que sempre
foran “achas” para meter no lume, e “coella”, non ao coello femia, senón ao
que, como era evidente, tratábase dunha verza. Ora ben, a diferenza cultural
por excelencia, indicadora da non moita humanidade dos novos veciños e que,
para nós, profanaban o que, tanto nós
coma eles, chamabamos filloas, enchoupándoas en sangue.
Para
os dezaos eran doces, aínda que os maiores dicían que denantes facíanse, na
pedra e salgadas, para tomar co caldo, como seguen a facer pola parte da
Estrada. Ben saben do que falo, aínda que por estas paraxes sureñas, miñorás, lle digan, cando menos nalgunhas
parroquias, marruchos e nas terras mariñás do norte falen de freixós e a actual
estupidez cosmopaleta rampante lle diga crêpe e con esta licenza poidan
plantarche unha masa grosa intragable emborreada con nata insípida que sacan
dun bote a presión. Non teñen nin idea, a filloa, como nos lembraba Cunqueiro,
canto máis fina mellor e pouco precisa de colgarlle chilindradas.
O
caso é que nas terras nas que acougou durante décadas a familia, as filloas
eran de sangue. De sangue de porco, claro. Nos primeiros anos na casa nunca se
facía aquela porcallada de comer o sangue do porco. Nalgún momento atrevémonos
a probalas. Aos poucos fomos gustando delas e non tardou en asignárseme a
función de batedor do garfo debaixo da gorxa ferida do porco para que o sangue
non callase. Despois veu iso dos botiños de sangue conxelado e o luxo de poder
lambiscar filloas ensanguentadas cando quixeses, sempre que a nai as fixese, finiñas
e co azucre derretido polo medio. Agora as asepsias ordenadas pola burocracia
bruxeliana pretenden deixarnos sen filloas de sangue, pero resistiremos!!!.
No retallo de onte faciamos referencia á frase da que botou man o ínclito Trump nunha
das súas babecadas. A animalada fai referencia ao máis glorioso dos xenerais
dos EE UU, tanto, ou máis incluso, que o mesmísimo Washington, o xeneral Pershing.
Heroe multifacético. Dirixiu as forzas
expedicionarias norteamericanas na Gran Guerra e foi o mentor da xeración de
altos mandos militares que dirixiron as tropas en Europa (Marshall, Eisenhower,
Bradley,Patton) durante a Segunda das Grandes Guerras. Con anterioridade, o tal
Pershing fora facer o ridículo a México perseguindo durante case un ano a
Pancho Villa sen dar con el.
Antes aínda interveu na humillación do caduco
Imperio español, na usurpación dos últimos territorios da gloria imperial dos
Austrias e encirrou a depresión das elites intelectuais españolas, da que parece
que non saíron aínda, e que recrúa ante o que chaman o “desafío” catalán.
Pershing estivo ao mando das tropas norteamericanas de ocupación en Cuba
e Porto Rico, nas Filipinas e Guam. Ao producirse o levantamento filipino
trasladouse ás illas para dirixir a guerra de ocupación. Foi neste marco
sanguento, nas illas de Mindanao, de maioría musulmá, onde ameazou con fusilar os patriotas filipinos
con balas enchoupadas en sangue de porco. Seica non chegou a cumprir a babecada,
pero fusilou a esgalla; como o seu colega Jacob Smith que deu a orde de fusilar
todos os resistentes de dez anos para arriba.
Contra do que escoito dicir sobre as capacidades mentais de Trump, son dos que
opina que as súas provocacións non son só propias das súas limitacións
cognitivas, que tamén, nin da súa matonería pistoleira e machista conxénita,
que tamén, senón que responde aos interese de quen lle dá pábulo. E hai quen
llo dá; os que nos someten a un estado de guerra permanente.
Por certo a munición xa está no mercado
norteamericano.
Sábado, 2 de
setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario