Hai
personaxes que levan o conflito en vida e prolóngano na posteridade. Os que máis, os grandes líderes autoritarios de masas
en momentos de traxedia: Franco, Mussolini, Hitler, Stalin, Mao Zedong ou
grandes líderes tráxicos: Kennedy, Che Guevara, James Dean ou Jim Morrinson. Poderiamos
continuar a relación con poetas, músicos e artistas e sería, menos popular,
pero enorme. E que dicir dos líderes relixiosos, sufridores en vida, que
enchouparon as xentes dun fanatismo que chega ata hoxe.
Ora
ben, sempre me chamou a atención a
disputa sobre Colón. Acordei del porque leo unha recensión xornalística sobre a
ameaza que pende sobre unha das estatuas ergueitas na súa memoria; a situada en
Columbus Circle, no centro do Manhattan newyorquino. Son 23 metros chantados
nunha esquina de Central Park.
O
asunto ten a súa orixe na polémica sobre a retirada das estatuas dos xenerais e
xuíces confederados que estourou dramática en Charlotteville, e que algunha das
babecadas ás que nos ten acostumados Trump agrandou. Non é máis que a patiña
que o lobo do supremacismo branco, isto é, o fascismo, anda a ensinar por
debaixo da porta.
Nese
debate sobre “os símbolos do odio”, o alcalde, do Partido Demócrata, e sobre todo
a portavoz do goberno da cidade, a portorriqueña Mark-Viverito, consideran que Colón é unha figura controvertida, iso si
que é certo, e que é indisolúbel da historia de opresión dos nativos de
América. Dende o mesmo goberno outros replican que Colón é un orgulloso símbolo
para a inmigración italiana. A polémica non é nova e rexorde cada 12 de outubro
con motivo do Columbus Day. Crearon un grupo de expertos e déronse uns meses
para estudar o caso.
Anda
aí pois a leada da orixe de Colón. O consenso oficial afirma que Cristovo Colón
naceu na República de Xénova. Pero non acala as diversas teorías sobre o enigma por mor da confusa documentación sobre orixes e ascendencia. O
seu propio fillo, na biografía do almirante, escureceuno aínda máis ao afirmar
que o seu proxenitor non quería que se coñecese a súa orixe e patria. Para
algúns autores, Colón, aínda que xenovés
de nación sería descendente de xudeus cataláns, por iso o seu interese en agochar
as orixes.
Outros
afirman que Colón era orixinario de Cataluña e de tradición mariñeira,
baseándose, entre outras razóns, en que nos seus escritos, todos en lingua
castelá, existen xiros lingüísticos propios do catalán. Outros concretan que
foi un nobre catalán, que se chamaría realmente Joan Colom, navegante e inimigo
do rei Xoán II de Aragón, contra o que loitou e que ademais sería o suposto
John Scolvus que chegaría ao norte de América no ano 1476, e posteriormente
ofreceríalle o proxecto do descubrimento ao rei Fernando de Aragón. Da hipótese catalá xurdiron diferentes
correntes, como as teses Baleares. Unha delas, a mallorquina; outra, de ser un
criptoxudeu nado en Ibiza.
Outra
hipótese indica que Colón era de orixe galega. Celso García de la Riega sostivo
esta teoría baseándose en documentos da época colombina. Os académicos da
Histoira recusaron a súa tese aducindo que os documentos foran manipulados. Mais
agora sábese que De la Riega non
manipulou os documentos senón que só remarcou as referencias ao apelido
Colón. Non fica aí a cousa: outros falan da orixe andaluza, concretamente de Sevilla,
castelán de Guadalaxara, estremeño de Plasencia ou vasco. Tamén existe a teoría
da orixe portuguesa, que se basea na interpretación do anagrama da firma de
Colón e na existencia de portuguesismos nos seus escritos que segundo algúns
podería ser debido non a que nacese en Portugal, senón por mor dos moitos anos de residencia nel.
Tamén se fala dunha posíbel orixe grega, inglesa, corsa, norueguesa
ou croata.
Nos
últimos tempos entre nós colleu de novo forza a tese da orixe galega e, nunha argumentada
pirueta, a identificación de Colón con Pedro de Soutomaior, o Conde de Camiña e
Señor de Soutomaior, máis coñecido por Pedro Madruga, aquel que masacrou
“irmandiños” e recomendaba ao Conde de Lemos colgar un campesiño de cada
carballo e recibiu deste, como resposta, “Non me hei manter de carballos”; o
que apoiou aspretensións de dona Xoana e resistiu, ata a derrota, contra Isabel
de Castela; aquel ao que, din en Baiona, sempre fantasiosos sempre, cantáballe o pobo entusiasmado
“Viva la palma, viva la flor,/ viva don Pedro Madruga/de Soutomaior”. O outro
día non me deu tempo a achegarme ata a súa casa-museo en Portosanto, Poio.
A
disputa polo lugar de orixe de Colón
permanece, debátese sobre a súa figura conflitiva. A historia é sempre
contemporánea, isto é, política..., escribiu Gramsci nunha ocasión.
Martes, 5 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario