Ao
estábel sistema de partidos da Europa occidental, transportado ao leste
postsoviético, levouno por diante a chamada crise financeira que máis ben deberíamos
alcumar “fase depredadora do capitalismo global”. A fin da historia, o triunfo universal
do capitalismo-liberal pouco durou. Mesmo o intento desesperado por salvar o
seu modelo de representación, a Grosse Koalition, acabou esfarelada.
A
“Union” da señora Merkel, con escasas simpatías persoais entre unha cidadanía
alemá que non gusta de votar cos pés, nin co corazón, senón coa cabeza; aínda
así ficou nuns máis que escasos 238 escanos no Bundestag, pero o que é máis indicativo,
perdeu o apoio do 8,6% dos seus votantes. Mais a señora mandarica terá a
oportunidade de empoleirarse na cima política dos grandes dirixentes como Köhl,
co seu cuarto mandato consecutivo.
Non
lle foi mellor ao seu socio minoritario de coalición, e “herr” Schulz ficou
desautorizado tras a perda do 5,2% dos votos e minguado a 153 parlamentarios.
Semella pouco doado que o SPD persevere na Grosse Koalition, despois da
experiencia, aínda que frau Merkel premerá ata onde poida para conseguilo.
A
segunda novidade foi a resurrección dos liberais, o vello FDP, que ficara sen
representación nas pasadas lexislativas ao non superar o 5%. Agora retorna con
80 representantes, un 10,7 dos votos e a posibilidade de regresar ao goberno na
senda do seu referente, Hans-Dietrich
Genscher, falecido o ano pasado, e eterno ministro de Exteriores (1974-1992),
impulsor da Ostpolitik, e ministro dende o primeiro goberno de Willy Brand
(1969). Die Linke (69) e Die Grüne (67) gañan medio punto porcentual.
Mais
a gran novidade é a irrupción de Alternative für Deutschland no Bundestag co
12,6%, 94 asentos e un ascenso de 7,9 puntos, un chisco menos do que perde a alianza CDU-CSU.
A Sra. Merkel terá que fiar fino entre a continuidade da alianza co SPD, que
será o que ela prefira, ou unha exótica coalición, dinlle “Jamaika”, polas
cores de “Union”, FDF e Die Grüne.
Fóra
dos problemas parlamentarios caseiros, o que xa non é novidade, que as recentes
eleccións alemás confirman, é a ruptura pola dereita extrema, pola xenofobia,
polo supremacismo branco, polo extremismo relixioso... do sistema de
representación político na Europa central e do norte. As forzas democráticas,
as esquerdas, os sindicatos, as xentes da cultura deberían procurar primeiro
diagnósticos aquelados e logo tratamentos urxentes ao que xa non é un fenómeno
casual, unha anécdota particular, un caso singular, senón a xeneralización de
organizacións protofascistas en ascenso e que en moitas ocasións roldan o 20%
do electorado.
Repasemos
por riba: Francia (presidenciais, Le Pen 33,9%, mais de dez millóns de votos);
Grecia (Amencer Dourado, 6,99%, 18 escanos); Holanda (PVV, 1,3 millóns de
votos, 20 representantes, unha escisión do dereitista VVD, partido
maioritario); Noruega (a pesar do descenso electoral o Fremskrittspartiet (FrP)
obtén o 16, 3% e 12 deputados); Suecia ( o Sverigedemokraterna (SD) é a
terceira forza co 12,9% e 49 representantes); Finlandia (os Verdadeiros
Finlandeses son a segunda forza co 17,7, a pesar dun lixeiro retroceso);
Dinamarca (o PPD cun 21% é a segunda forza máis votada); Estonia (o Eesti
Konservatiivne Rahvaerakond ten representación parlamentaria); Letonia (a
Alianza Nacional co 16,61 ten 17 escanos); Lituania (o partido Orde e Xustiza
ten representación na cámara); Austria (o FPO supera o 20% en ascenso); Polonia
(entre Kukiz´15 e o gobernante Lei e Xustiza superan o 45% dos votos);
Eslovaquia (o SNS co 8,6%); Reino Unido (o UKIP obtivo o 12,6, empurrou o
Brexit, o goberno depende dos 10 deputados unionistas do Ulster); Hungría (por
se non lle chegase co FIDESZ de Viktor Orbán con maioría absoluta, o Jobbik é
terceira forza con 23 representantes); Turquía (por se non lle chegase con
Erdogam e o seu partido, 49,50, o MHP ten o 11,9% e 40 deputados); Croacia (o
HDZ gañou as últimas eleccións adiantadas); Bulgaria (os Patriotas Unidos
roldan o 10%). Supoño que queda algún outro caso por aí, e en Rusia e na
Ucraína non nos detemos.
Luns,
25 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario