Stanislav Petrov |
Aquela
noite pensaba librar, pero un dos colega caera enfermo había uns días e no
reparto de quendas substitutorias tocoulle. Aló foi para o centro de mando da
intelixencia militar dende onde se coordinaba a defensa aeroespacial. O choio
non era moito, verificar se había algún ataque e de ser así avisar os superiores
e automaticamente iniciar o contraataque.
Setembro,
26, de 1983. Catorce minutos despois das doce, en Moscova. Un satélite libera a
alarma: un mísil intercontinental saíra dunha base militar en Montana (EE
UU); en 20 minutos estouparía en
territorio soviético.
O
ambiente estaba caldeado. Pouco máis de tres semana antes, o 1 de setembro de
1983, un avión da aeroliña surcoreana Korean Air foi derribado polos soviéticos
ao oeste da illa de Sakhalin, no mar de Okhotsk, ao norte do Xapón. Levaba 269
pasaxeiros, entre eles unha congresista norteamericana. Foi un dos momentos
máis tensos da Guerra Fría. Aínda hoxe non se coñecen os feitos con exactitude, entretécense aspectos militares e de
espionaxe. O goberno soviético argüíu que non sabía que o aparato era civil e que
entrara no espazo soviético para poñer a proba a súa capacidade de resposta,
coincidindo coa presenza de aparellos de
espionaxe norteamericanos e a proba dun mísil soviético no mesmo lugar e á mesma hora. A campaña antisoviética foi brutal
en todo o mundo, en especial nos medios americanos e europeos.
Stanislav
Petrov estaba alí, a cargo do búnker Sérpujov-15 aquel día, vinte e seis días
despois de que o voo 007, do peliculeiro espía, estourase. Petrov estaba alí, catorce minutos
despois das doce, cando os aparatiños comezan a chiar por mor dun mísil
disparado en Montana, Estados Unidos. Era un home tranquilo. Matinou, tiña que
ser un erro, quen ía desencadear unha guerra nuclear disparando un só mísil.
Cinco minutos despois os aparellos empezaron a delatar outros catro mísiles
máis en dirección á URSS. Nas pantallas
reflectíase a mensaxe intermitente: “Ataque nuclear inminente”. O coronel Petrov mantívose na súa lóxica. Pediulle
aos seus subordinados que mantivesen a calma. Fosen un ou cinco non tiña
lóxica, de atacar, virían centos. Tiña
dez minutos para decidir. Coidou que o satélite podía equivocarse, agardou, non
pulsou a alarma, esta non chegou ás autoridades soviéticas e aquí seguimos polo
de agora. A alarma era falsa. Petrov e os 120 homes ao seu mando respiraron. Seica
unha estraña conxunción da Terra o sol e o satélite fixo saltar a alarma.
Uns
meses antes, as conversacións START en Xenebra atrancábanse. Reagan chamáballe “imperio do
mal” á URSS e anunciaba a posta en marcha do sistema de defensa contra mísiles
que chamaron Guerra das Galaxias, tamén pola película, a señora Thatcher
arrasaba nas eleccións británicas, os militares soviéticos asumían a derrota
tecnolóxica e os ricos desencadeaban a
guerra contra os países pobres e as clases medias e traballadoras.
Hai
34 anos deste rocambolesco incidente do equinoccio de outono, cando un ruso
tranquilo salvou a humanidade que andaba a xogar coa apocalipse. Coidei que xa
non volvería escoitar novas sobre oxivas nucleares, bombas H e cousas
semellantes pero por alí polo extremo nororiental do planeta volve falarse
destas cousas. Haberá algún Petrov?
Luns, 4 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario