Viramos
no cruceiro co fuste reposto endereitando cara ao espazo construído máis
fermoso, cando menos de Gondomar. Tamén un dos mais maltratados, e mira que hai
moitos! Hai anos que por un ou outro motivo o percorro. Comecei de man de
alumnos para argallar unha ruta escolar; agora, aproveito calquera escusa, como
por exemplo gabarme do que temos ante bos amigos, para patealo de novo. Aínda
que nestes casos teña que agochar algunhas traxedias.
Por
exemplo que non se aproveitase a ocasión, non sei cantas van, de que un
despistado ou toliño se esnafre, non será o último, contra o cruceiro, para
imitar a forma octogonal orixinal do fuste; mesmo que non se aproveite a circunstancia
para reivindicar, ante quen sexa, o afastamento
da estrada do Lugar do Acordo e a sinalización do punto de reunión no que, en
tempos recuados, o 1º de xaneiro de cada ano se elixía o Procurador Xeral das
18 parroquias (as dúas Ramallosas, Camos,
Belesar, Priegue, Panxón, Nigrán,
Parada, Saiáns, Santa Baia de
Donas, Gondomar, Vincios, Vilaza, Chaín, Morgadáns, Peitieiros, Mañufe e
Borreiros).
Claro
que isto é pouco en comparanza coa permanente desfeita da ponte esmagada e
agochada baixo unha placa de formigón. Os que saben, manexan a data de 1140 na
súa construción ou mellor, o máis probable, reconstrución, das moitas que debeu
ter. Pola Ponte de Mañufe, con probabilidade, moitos séculos antes desa data xa
pasaban xentes e carros e durante moitos
séculos despois seguiron a pasar, polo camiño medieval, pola estrada real e
agora fano os carros motorizados, que
non casan, e ben podían ir dar a volta un pouco máis abaixo.
Se
así o fixesen liberarían a fermosa ponte da súa ocultación e comezaría, dende
ela, a recuperación dun espazo con evidentes potenciais económicos e estéticos
que a cegueira do inmediato non deixa ver aos que pensan unicamente no día a
día, no ir tirando...
Mais
non encetamos o conto coa recuperación do patrimonio construído durante séculos
senón de que chegou o outono e o rito débese cumprir manducando o primeiro
cocido. Poucos lugares para facelo como o Pazo da Escola, no barrio da Moreira
en Mañufe, fundado no século XVIII por
don Policarpo de Mendoza, Deán da Catedral compostelá e, ao final da súa vida,
afastado do circulo de poder, bispo de Lugo. O mesmo clérigo que mandou facer o
chamado, na actualidade, Pazo de Mendoza, en Baiona.
Paula,
Suso e a súa familia recuperárono para goce de todos. Tamén dos lambóns que alí
acudimos, de cando en vez, para gozar dos manxares cociñados, a lume manso,
como diría Xavier Castro, pola experta man, aprendida en tradición secular de
casa de curas, de Paula.
Enceta
o asunto con dous fermosos potes de barro. Un con caldo; outro con sopa. Vai primeiro
o caldo, entón Magis lembra a seu pai e demanda: “de profundis... de profundis”
para indicarme que non quere moita auga. Logo a sopa, de piñóns. Cústame coutar
os amigos sevillanos para que agarden a substancia que está por chegar.
Non
tarda. Dúas tarteiras de barro, a rebordar, como debe ser. Os ollos dos amigos
ábrense en coñecida expresión. Nunha as patacas, no seu punto de cocción e ben
enteiriñas, coa verdura, repolo, abundante, unha boa presada de fabas e outra
de garavanzos. Na outra, a inmensidade
dos praceres. No seu punto. O touciño entrefebrado, chourizo de carne e
ceboleiro, os seus bos anacos de lacón que agochan por debaixo as tiras de
orella, de cachucha, de morro e de pata, un pouco de costela salgada e uns
anacos do óso da soá. Presidindo o espectáculo unhas tiras de xarrete e uns
cuartos de polo que conservan a cor da boa mantenza. Non son dos que me asustan
estes labores e gusto do carro ben cargado aínda que vaia un pouco ladeado para
non recuncar. Mais ás veces é inevitable. A segunda volta foi mais lixeira. O mencía
de Monterrei cumpre en condicións.
As
mulleres, ben se sabe, son moi doceiras. Os homes, quizais non tanto, cando
menos neste caso. Os eloxios das dúas lambonciñas non se deteñen ata que case rematan
a xenerosa mestura de sobremesas que nos serviron.
Non
me considero un ignorante nestes asuntos, mesmo por xenética, pois un é de
Lalín. Así que non quedou outra que ir felicitar a Paula. Logo fomos estarricar
as pernas ao adro e botarlle unha ollada “a portuguesada”, como diría o amigo
Pepe que tantos anos foi párroco de Mañufe, que empoleiraron agarrado a cruz
que preside a igrexa; pasear por diante do palco e do cruceiro da fe para
despois achegarnos ata a porta do cemiterio, exhibición da riqueza dalgunhas
familias da parroquia mentres ollabamos, ao fondo, o rectángulo de Moldes coa súa capeliña á beira onde se
agocha o San Brais. Seguro que volveremos antes, mais, cando menos, agardamos
facelo para comer os callos cando o santo nos queira anunciar a primavera.
Domingo,
24 de setembro de 2017
PS.
Como ves
Antonio fíxenche caso e contei o vicio do cocido do Pazo da Escola.
Ningún comentario:
Publicar un comentario