mércores, decembro 20, 2017

Amortais?

Hai uns días asistín ao enterro do pai dun amigo. Aínda que as datas de caducidade cumpridas fan estes transos mais aceptábeis, a dor é inevitábel, o mesmo que o comentario que unhas veces uns e outras veces outros deixamos caer: “pasamos a primeira liña”.

Uns días despois fun almorzar con outro amigo; entre aquilo e aqueloutro deixoume entrever unha certa preocupación ao comentarme que se naceramos hoxe é posíbel que chegaramos a vivir cento cincuenta anos.

Seica a cousa vai por aí. Tampouco é novidade. Dende os escasos trinta anos de expectativa vital do homo sapiens durante a inmensa maior parte do tempo que leva empoleirado na cima da cadea depredadora, ou os cincuenta que tiña no inicio dos tempos modernos, ata os máis de oitenta dos actuais países ricos, todo foi un ir alongado a vida. Non ten nada de estraño esta persecución da amortalidade, termo máis preciso, para non enganarse,que o da inmortalidade. A especie humana non poderá nunca acadar a falsa promesa das divindades de ser inmortal, coma elas, pero poderá alongar a vida dominando enfermidades e evitando o avellentamento, como xa fai na actualidade.

Non podemos imaxinar o cristianismo, o islamismo ou calquera relixión sen a certeza da morte e a esperanza dunha vida futura, pero a ciencia e o desenvolvemento tecnolóxico mudou o paradigma da morte intentando superala para vivir sempre aquí, na terra. A morte enténdese como un problema técnico, non como unha decisión divina, aínda que hoxe non se poida resolver. Canto tempo se tardará en poder derrotar a morte?, cen anos?, douscentos? mil? Os nanotecnológos andan tras do desenvolvemento dun sistema de inmunidade biónica de millóns de nanorrobots combatendo virus e bacterias, abrindo vasos bloqueados, eliminando células canceríxenas e  invertendo os procesos de avellentamento. Científicos moi serios confirman o que o meu amigo afirmaba de vivir 150 anos; seica será posíbel en 2050, ou incluso antes.

Morreremos dun accidente, dunha bomba dos terroristas de garda ou doutra dirixida por un dron americano ou ruso pero haberá quen teña acceso aos tratamentos das enfermidades, a terapias contra o avellentamento ou rexenerativas para manterse sempre novos.

Seriamos máis felices? Dende logo os que fiquen fóra deses tratamentos, a inmensa maioría, andarán adoecidos. Ata o de agora os pobres, os oprimidos, confortábanse con que ao menos a morte facíanos a todos iguais.

Pero mesmo os que accedesen a esa posibilidade estarían agoniados por un accidente casual, non poderían descoñecer a morte e non estarían dispostos a correr o máis mínimo risco de perder un fillo ou unha persoa querida.

A verdade, é un alivio non estar nesa situación.


Sábado, 16 de decembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario