Le sens de la nuit (1927). René Magrit. Óleo s/lenzo 139-105cmt. The Menil Collection, Houston, US |
A ninguén
dos que vivimos aqueles anos, e el viviuno en postos de privilexio, se lles
escapa que nos acontecementos que, dende a segunda metade dos anos oitenta ata
finais de 1991, sucederon no que na altura se denominaba, e aínda se lle chegue
a chamar, Europa do Leste, interviñeron de forma decisiva tanto as potencias da Europa
occidental como os Estados Unidos e, en especial no caso de Polonia, o
Vaticano. Digo que a ninguén se lle escapa a súa intervención a través de
presións económicas; ameazas, soterradas ou manifestas; provocacións
disimuladas, e non tanto; intervencións dos servizos secretos; corrupción de
personaxes máis ou menos doados de corromper; e de todo, e moito máis do que a xente normal poida
imaxinar, e quen ande escaso desta última capacidade, pode ollar algún que
outro capitulo de House of Cards.
É
evidente que as múltiples inxerencias occidentais foron transcendentais, aínda
que en ningún caso se poidan cualificar como decisivas, nos “procesos”
dos países bálticos, na xestación
das alianzas populares, nos
referendos celebrados, nas declaracións unilaterais de independencia, na posta
en marcha dos novos órganos de representación... aínda que os que en verdade
consolidaron a independencia de Estonia, Letonia e Lituania foron os mariscais
que aquel 19 de agosto de 1991 pretenderon, con ilusión senil, retrotraer a historia ao “homo sovieticus” de
Breznev. O 25 de decembro daquel ano Gorbachov dimitía, a URSS disolvíase e as independencias
estendíanse como os lumes na Galicia eucaliptal. Non é preciso lembrar todos os
casos aínda que a traxedia dalgúns espetóunolos nos miolos.
Por
iso me sorprende que Juncker se sorprenda das interferencias de Moscova no
“procés” catalán. E logo, ían estar quedos?
Mais
non é isto o que lle preocupa a Juncker. Non,
o que teme non son as inxerencias rusas, que nunca van ser decisivas,
senón as decisións populares que outorgan a hexemonía institucional ao
nacionalismo na Córsega da Francia xacobina e imperial; que a maioría
institucional a prol da independencia en Cataluña poida revalidarse. É
consciente de que o brexit pode non ser
suficiente para deter o independentismo escocés e os poñer noutro brete, que o medre
da poboación católica no Ulster poida abrir a porta á reunificación irlandesa;
que os vascos poidan curar pronto as feridas, as de ETA e as da laminación de
Ibarretxe, que o Quebec francófono siga a ser unha espiña cravada na “grandeur”
parisiense, que Bélxica sobreviva
formalmente como estado porque eles
teñen alí o centro de mando.
Por
iso se emprega cunha miserable dureza dicindo que o nacionalismo é veleno. Claro
que para Juncker o nacionalismo é o de quen non ten estados, o del e o do seu amigo
de Pontevedra non é nacionalismo. Para Juncker, ideoloxizado como un
adolescente, estado e nación é o mesmo; por iso afirma contra todo pensamento
cun mínimo de rigor: “Europa es un club de naciones y no acepto que las
regiones vayan contra las naciones”. Ergo, que as nacións vaian contra as rexións sería posíbel?
Iso declaroullo ao panfleto do españolismo, ímolo cualificar de liberal, por dicir algo.
Ao
que lle ten medo Juncker é ao efecto “ficha de dominó”. A que a onda de
soberanía nacional que abalou a Europa oriental hai case trinta anos se poida
propagar pola Europa occidental e o club de nacións, que di o luxemburgués
trampulleiro, na verdade un club de estados decimononicos, poida converterse no
club dos pobos libres de Europa.
Quen
di estas falsidades é o fiel servidor dos estados que, por comenencia, mantiveron un ducado para os negocios sen
fronteiras, branqueo é hoxe expresión máis popular, que ten unha extensión que
non é nin a metade de Pontevedra e una poboación menor que a de Vigo e a súa
área de influencia sen estirar moito.
Ducado
no que desenvolveu a súa carreira política
que lle permite deter o seu actual cargo despois de pasar por
institucións tan “limpas” como o Banco Mundial ou o FMI pero que non lle serviu
para agochar o chamado LuxLeaks, papeis segundo os que Luxemburgo, durante o
seu mandato, se converteu nun centro europeo de evasión fiscal corporativa ao
que, coa axuda do goberno luxemburgués,
empresas europeas transferían garantías fiscais por valor de moitos
millóns de euros a Luxemburgo onde o ingreso se fiscalizaba a unha fracción do
1%.
O
caso é ter estado, aínda que sexa ben pequerrechiño, non si, monsieur Juncker?
Lúns,
11 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario