As
que falabamos onte, ao mellor, son as máis transcendentais. Mais o ser humano é
viaxeiro e sempre actuou baixo o impulso de coñecer, nacido da conciencia da
ignorancia, saber que non se sabe é a actitude da humanidade cando se libera da
relixión, isto é, da explicación da verdade absoluta. As relixións explícano
todo e ás persoas só lles fica agardar un futuro determinado polos deuses.
Desta
pulsión viaxeira sabemos ben os galegos. Hai moitos anos Miro Casabella escribira
unha canción satírica, que interpretaba ao xeito de romance de cego, que falaba
dun fenómeno extraordinario que lle acontecera a unha moza, que parira un rapaz
agarrado a unha maleta. Mais alá desta pulsión salvadora no individual que é ir
polo mundo, non quería falar destas viaxes económicas, ou non só, senón das
grandes viaxes galegas. Só por apuntalas.
Comezando
polas máis recuada, a do Ith, o breogánico fillo, que soñaba cunha terra e un
día ollouna entre a néboa. Alá foi, chamoulle Eirin. Regresou morto sobre o
cabalo e o pai-orixinario ordenou a vinganza que executou Mil, Miled ou Miledh,
sobriño de Ith, neto de Breogán quen, cos seus oito fillos e os nove irmáns do
viaxeiro morto, partiu para conquistar a
terra onde Ith foi asasinado polos Tuatha Dé Danann. Así nolo conta o Lebor
Gabála Érenn (Libro das Invasións), recompilación da mitoloxía irlandesa do
século XI.
Ou
aquela viaxeira, feito en por si extraordinario, a monxa Exeria, coñecida tamén
como Egeria, Echeria, que nos contou a súa viaxe a Terra Santa na súa Itinerarium Egeriae. Contra o remate da cuarta
centuria; sábese que está en Constantinopla en 381. Personaxe controvertido
polos escasos datos da súa vida pero todo parece indicar que naceu na Gallaecia
e mesmo algúns investigadores relaciónana co movemento priscilianista.
Mais
sen dubida a gran achega galega, topamos outra vez con Prisciliano, ao universo
das viaxes foi a “inventio”, coa polisémica virtude da palabra (achado ou
descubrimento, acción de planear, ideación de argumentos ou invento, invención,
como sinónimo de mentira consciente), que rematou por converter a visita á cova
atribuída a Santiago no desexo viaxeiro dos séculos baixo medievais e quizais
en contraste coa cómoda, rápida, consumista viaxe turística, recuperou unha
vitalidade que perdera nos tempos modernos.
Cómpre
non esquecer que nesta recuperación tivo moito que ver a iniciativa do goberno
galego, 1991, de promover o camiño cara á celebración do ano Santo Xacobeo de
1993. Vinte e cinco anos despois o éxito económico da iniciativa é evidente, o
da promoción de Santiago tamén. Tampouco convén esquecer que na década anterior
se rescatara a cidade da man dos especuladores.
Hoxe
o perigo é o abandono no éxito. Isto é o que está a pasar na última, case,
década feixoniana. As ringleiras de masas camiñantes que por unha ou outra banda
embocan nas rúas compostelás ameazan con saturar e esgotar a dourada galiña.
Politicamente
Santiago rematou por diluír o carácter da nación galega na simboloxía de cidade
fermosa, relixiosa, de albariño e marisco, pero non foi quen de conxugar, todos
somos conscientes das dificultades, a vontade común de converterse na expresión,
na cabeza, dunha comunidade de futuro, dun proxecto de país.
Xoves
14 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario