venres, decembro 22, 2017

O narcisismo das pequenas diferenzas

Narciso na fonte. Óleo s/ lenzo.  Atribuído a Caravaggio. 
Galleria Nazionale d'Arte Antica. Palacio Barberini. Roma
A expresión é de Freud. Como sempre, as frases curtas e brillantes dan para un roto e un descosido e permiten a cadaquén falar da feira como lle foi nela. É frecuente  empregar  a frase para zoscarlle no cu ao nacionalismo, como pai alterado pola afronta filial, nomeadamente cando o cativo desafía con valor e planta cara. Só mentres non se fai pai -estado, polo tanto igual; daquela deixa de ser nacionalista.

Segundo esta interpretación pervertida, nos anos mozos de Freud o nacionalismo húngaro ou croata,  checo ou eslovaco, romanés ou polaco serían “narcisos”. Despois de Versalles moitos deixaron de ser pequenas diferenzas. Seguían a selo os irlandeses emperrados na cativa desemellanza coa unidade británica; despois os alxerianos querendo a distinción da “grandeur” parisiense que ata enfeitizaba a Camus. Antes e despois, poñede a quen queirades ou a quen desexades, en América, Asia, África ou Oceanía. Podedes retraervos ao berce natal da democracia americana e hoxe, se queredes, lembrarvos da Cataluña amputada, liliputizada ao principado.

Mais o que pretendía era sinalar a perversión da sentenza freudiana empregada  para as pequenas disputas territoriais, como din os que gustan das grandes patrias para compensar o seu cativo corazón,  e divagar sobre a inconsecuencia desta vulgar manipulación.

O emprego da antítese, á que lle prestaba moita atención, é moi frecuente en Freud. Xustamente o narcisismo é o oposto á diferenza, a aquilo que se resiste a ser outro. O narcisismo é tan ríxido e conservador que calquera desvío provocado polo outro, pola diferenza, pola diverxencia, é unha afronta, unha declaración de guerra, unha ameaza. O narcisismo négase a recoñecer o diferente. Quizais a expresión máis simple, primaria, desta incapacidade é o insulto narcisista.

Para que o recoñecemento teña lugar ten que producirse, necesariamente, unha mudanza psicolóxica que permita a admisión da alteridade. Nas antipatías e aversións non disfrazadas para cos estraños-próximos,  diría Freud, mais ou menos,  podemos recoñecer a expresión dun amor a si mesmo que se comporta como se calquera desvío supuxese unha crítica ou unha exhortación a abandonar a súa propia identidade.

Tras clixés reiterados ata o aborrecemento de “viva a diferenza”, “respecta o  próximo” ou “ama o  próximo como a ti mesmo” e todas as variantes brancas e capitalistas do precepto relixioso, tan comúns hoxe ao “multiculturalismo” de cartón-pedra , o que se está a impoñer  como condición para recoñecer a diferenza do outro é, xustamente,  que este renuncie á  súa diferenza, que perda a súa alteridade.

Mércores, 20 de decembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario