Leo
unha breve entrevista con Núñez Seixas. Fornécenos unhas suaves pinceladas anunciadoras
do tomo 10 da Historia de España de Crítica/Marcial Pons, que coordina. Segundo
nos informa, o volume abrangue dende 1975 ata 2011, un ciclo longo que debería
dar lugar a un novo, pero o historiador non ve que así sexa. A cerna temporal
da miña xeración que moitos vivimos con activa intensidade política. Agardemos poder
seguir achegando o noso labor e pensamento e que sexa un chisco máis atinado
que o que fixemos ata o de agora.
Asumindo
as limitacións parciais orixinadas por esa falsa e traidora amiga da historia
que é o inmediato co seu abafo de datos, rexistros, documentos, filmes,
músicas, xornais... que nin nos deixa intuír o bosque, Seixas ofrécenos tres trazos interpretativos ben sinxelos,
pero é que non hai máis. Galicia tivo, no ciclo longo, un papel de comparsa,
voluntariamente secundario pola renuncia das elites (non só as políticas) a
gobernarse, por considerarse funcionarios de carreira cara a Madrid, e entender
os poderes derivados do estatuto, que mesmo renunciaron a reformar, como un
especie de deputación cumpridora das decisións centrais. Xa que logo foi
invisible na política española, agás, sinala o profesor, cando Fraga a
converteu “na súa ínsula barataria” e o BNG colocou o nacionalismo galego no marco político español.
Dende
a crise de 2008 o papel de figurante de Galicia é absoluto, agravado por entrar
o nacionalismo en fase de fragmentación. Galicia convértese nun destino
turístico e deixa de ser un espazo político propio aínda que fose de terceira
categoría. A debilidade do nacionalismo facilita que a pulsión funcionarial das
elites non se conteña.
Mais
hai unha segunda fragmentación que provoca a implosión do nacionalismo co
inicio da crise. Ao ser, o nacionalismo galego, só posíbel dende as coordenadas
da esquerda, a fragmentación desta agrava a do primeiro. Estamos nunha dupla
fragmentación: a do nacionalismo e a da esquerda; agravadas por estratexias que
desequilibraron o central punto de encontro entre esquerda e nacionalismo.
Unhas
esquerdas atomizadas, arrastradas polo xogo simbólico, polas formas de
representación teatral, pola banalidade e as súas linguaxes (empoderamentos,
representación, baleiros, precarios; pensando, na inocencia, que redefinindo os conceptos podemos
controlalos), polo “chachi-guai” e afundíndose en loitas parciais, no
individualismo e na competencia, en diferenciarse e destacar, na insolidariedade, na desconexión entre o
individual e o colectivo e ata no desprezo do “común” por consideralo unha
tiranía por parte de quen pretenda, non anular as loitas diferenciais de cada
quen -ecoloxismos, altermundialismos, LGTB, feminismos, municipalismos, animalismos,
culturalismos...- senón coordinalas na común loita das clases populares.
Unhas
esquerdas encerelladas na disolvente pregunta de quen está máis oprimido?, nas
políticas de pertenza a un grupo de identidade que mesmo se igualan cos
dereitos políticos dunha nación oprimida, encerellados en debates sobre os
carrís-bici, a maternidade subrogada, formas de representación...; mentres a
dereita capitaliza o descontento social e non só na Europa do norte.
Hai
que asumir a derrota desta década. Non é previsíbel máis que un reaxuste do
sistema, só pendente do que eles alcuman “desafío catalán” e nós deberiámoslle
chamar “lección de dignidade” dun pobo. Iso si, para algúns, nas pasadas
eleccións catalás, gañaron as dereitas, a de Ciudadanos e a de Puigdemont;
manda truco cos “iluminati”. Unha derrota das esquerdas gañada a pulso, erro
tras erro.
Como
os liberais en 1812, as esquerdas españolas, unha vez máis, non foron quen de
dar o salto, cruzar o Rubicón, asumir os feitos nacionais periféricos e admitir
as esquerdas que os representan para dialogar con elas non nun único proceso
constituínte senón na diversidade de procesos nacionais. Unha actitude
exclusivista que as impulsa a subordinar territorios a intereses estatais ata extremos
de auténtico quintacolumnismo como no caso catalán. Como en 1812, o absolutismo dará boa
conta deles.
O
nacionalismo galego, a esquerda nacional, ten que se espelir na costura dos
fragmentos, consciente de que os remendos non fan bo traxe e cómpre un novo
para os difíciles tempos que veñen.
Martes,
26 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario