xoves, decembro 21, 2017

O rubio de Madarnás

Eu ollábao pasar. Alto, lanzal, elegante, traxado, engravatado, branca camisa e gabardina beixe, como un galán; co rubio cabelo coidadosamente peiteado, engomado cunha  longa perrera  botada para atrás, inmóbil, ondulada, que tan ben lle acaen ás facianas en forma de corazón. Anos máis tarde Leonardo  DiCaprio copioulle o estilo.
Porque, que saiban que se o rubio non viñese ao mundo nun lugar chamado Madarnás e o fixese en Los Ángeles, San Francisco ou Las Vegas sería el quen lle daría a replica e lle esnaquizaría o corazón a Ava Gardner e a Grace Kelly en Mogambo e non ao medio apampado de Clark Gable. Claro que se John Ford soubese do de Madarnás tamén sabería da Pili e daquela a Ava Gardner ficaría sen choio. Mirádeo senón como apunta aos elefantes, moito mellor que Vic e, para máis emoción, zurdo, ou manicho como lle din nalgures.

Por certo, cando se estreou naquela España en branco e negro, o franquismo nacional-católico non permitiu  que o filme (1953) narrase un adulterio. Para evitar tan nefando pecado, na dobraxe, converteron á personaxe de Grace Kelly en  irmá do que na historia era o seu marido. Estragaron a película, aínda que a trampullada era evidente, e ofrecéronnos unha relación incestuosa.

Claro que o rubio de Madarnás era máis valoroso que o organizador de safaris no centro de África e non precisaba ir moi lonxe para botarse ás costas unha razón para vivir e pola que pelexar contra elefantes, mamuts, gorilas... aínda que só tivesen dúas patas. Sendo un home feito foise achegando a uns mozos, que, a mediados dos setenta do século pasado, andabamos a remexer a cabeza sobre que se a cultura, a nosa lingua, o país... e el foise arrimando a aqueles rapaces, moitos deles estudantes que pouco tiñamos que perder, pois xa se nos pasaría, dicían os brutáns de dúas patas.

Unha noite, na vez de seguir cos amigos da súa quinta, ficou cos novos a falar e escoitar,  a aprender e ensinar. E a resistir. Cando os “de sempre” ollaron que viraba convertérono no albo de insidias e difamacións. Derrotounos.

Onte estiven na homenaxe que lle argallou a AC  Avantar do Carballiño. Nada lle foi indiferente, dende a iniciática acción sindical labrega ata a dedicación profesional á libraría, dende o activismo político militante ata o exercicio práctico da conciencia ecolóxica; sempre garantindo a continuidade daquela iniciativa cultural da que termou durante décadas para prolongar a acción de futuro daqueles mozos.

Catro décadas despois alí estaba, cos seus, coa súa perrera ondulada e a súa face a xeito de corazón.

Eu ollábao pasar por diante da casa,  subindo pola estrada do Irixo, camiño do Carballiño.  E sígoo a ver,  é o Eduardo.


Domingo, 17 de decembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario