Eco e Narciso. John William
Waterhouse (1903). |
Referiámonos
o outro día ao narcisismo das pequenas diferenzas sobre o que reflexionaba
Freud nos comezos do pasado século, despois do remate da Gran Guerra, e do
emprego da frase como descualificadora dos nacionalismos, dos da pequena
diferenza, ou o que é o mesmo, dos nacionalismos cativos, dos pequenos, como se
o asunto fose o tamaño; isto é, dos “sen estado”, como unha enfermiza procura
da diferenza onde non a hai, como a persecución dunha identidade ilusoria, como
a obsesión por encher un significante baleiro.
Por
suposto que nestas cousas, como en tantas outras, o tamaño pouco importa. Por
exemplo o noso cativo e minguante país ten máis habitantes que seis dos 28 integrantes da Unión Europea, incluído o Reino Unido en transito
cara ao “brexit” (Chipre, Eslovenia,
Estonia, Letonia, Luxemburgo e Malta). Se tomamos como referencia a Cataluña,
suplicio dos sentimentos patrióticos españois, situaríase na metade da táboa
poboacional, superando a trece dos estados soberanos que integran o club de
nacións (Juncker dixit); aos que son menos ca nós, os periféricos fisterráns,
teriamos que lle engadir (Bulgaria, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Finlandia,
Irlanda e Lituania).
Mais
non matinabamos o outro día en cuestións de medida senón na perversión da
lectura que se fai da aseveración freudiana. O noso pensador empregábaa no seu
campo de reflexión, a conduta dos individuos, e traspasala ao territorio das
identidades colectivas non é máis que deturpar o sentido orixinario.
E
sobre todo por partir dunha trampullada basta ao pretender identificar Narciso
con diferenza; cando son antagónicos, Narciso é xustamente a negación do outro;
Narciso só é el, o único, o que se autoadmira no reflexo da súa máxima
perfección, da súa beleza absoluta, indiscutible, que non entende como os
demais non morren de envexa por non poder ser el.
Ese
sentimento propio de quen non só foi gabado en exceso, senón autogabado polas súas
verbas excesivas, a súa imaxinación desbocada. O inicial rexeitamento de quen
lle racha o espello ou lle guinda unha pedra que altera o plácido fluír das
augas remansadas e lle impide a súa autocomplacencia vai seguido da negación,
da persecución do ousado desenmascarador.
Sábado, 23
de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario