xoves, decembro 07, 2017

Farto de celebrar

Coido que xa o contei. Hai trinta e nove anos, tal día coma hoxe, tocoume ir de interventor a unha mesa electoral no concello de Beariz, ou ao mellor era de Avión? Da parroquia ou do lugar xa non paso o traballo de acordarme. Ou ao mellor, o conto tampouco aconteceu ese día, senón un ano e pico antes. Pero, para o caso, o que vale é o conto.

Aló,  na fría amañecida, deixoume un compañeiro en agarda da apertura da escola reconvertida, por un día, en altar da democracia. Puntuais chegaron o presidente e os dous vocais. Antes de constituírse a mesa electoral o presidente, auxiliado polos seus vocais, dedicáronse ao arduo labor de prender unha vella estufa escolar, de ferro, cunhas pitolas e uns rachóns que deixara preparada a mestra, mentres miraban atravesados o rapaz barbudo que andaba a dar voltas sen saber moi ben que facer. Xa dixo a mestra que primeiro era prender o lume que co frío que vai e tantas horas aquí imos quedar tesos, comentou a futura autoridade electoral.  

Constituíuse a mesa e presenteime como interventor, o único. Tiven a sensación de que me ollaban como un receoso desconfiado, un bicho raro, alguén sospeitoso, un deses que nunca sabes de que van nin o que queren, ben, como... alguén fóra do normal; quizais tamén polo vestir e a barba.

Era mércores, as xentes viñan en pingueiras co sobre da casa. Contra o mediodía viñeron uns poucos máis. A fame apertaba. Ocorréuseme preguntarlle a un dos vocais por algún bar ou casa de comidas. Nin me contestou. Foille co conto ao presidente. Miroume sorprendido. Non te preocupes,  díxome, dentro dun anaco xa nos traen o xantar. O alcalde xa se ocupou do asunto. Deume a impresión de que o alcalde xa se ocupara de moitos asuntos. Ante as miñas dúbidas sobre a participación no xantar amosouse contundente, ti comes con nós que para iso estás aquí.

A sorpresa foi cando chegou unha muller nova. Nunha caixa de froita traia panos, pratos, culleres, garfos e demais aparellos  . Apañou dúas mesas, colocounas nunha beira da aula e preparounas para o xantar. O presidente ergueuse e ordenou, con tino,  a un dos vocais, pecha que imos xantar! Insinuei que iso non se podía facer, que podía aparecer calquera e querer votar. Dixo, a estas horas, quen vai querer votar, ademais xa ves que aquí non che somos moito disto.

Xantamos como de festa. Sopa de cocido, carne richada, lémbroo porque foi a primeira vez que a comín, supoño que habería sobremesa, café, copa, puro e partida de tute-cabrón. Ás cinco o presidente acordou abrir as portas do santoral democrático e contra a media tarde comezou a chegar a xente; tampouco moita, eh? En Galicia votou un chisquiño máis que a metade. Na provincia de Ourense non chegou ao corenta por cento, naquela mesa debeu quedar por debaixo desta cifra. No conxunto do estado superou o 67%.

Os nacionalistas galegos votamos non ou en branco; un algo menos que o 10%, uns cento e pouco mil votos; a outra esquerda, a non nacionalista, votou co entusiasmo que non tiñan os reformadores do franquismo. No País Vasco participaron aínda menos e houbo moito non ou en branco. En Cataluña a participación foi elevada e o voto afirmativo arrasou. O nacionalismo galego non tiña peso; o vasco non era preciso para o acordo e o catalán pactou a saída do franquismo. Este último, durante estes últimos anos, abeirárono e hoxe reclama un novo marco de relacións.

En cifras sen sutilezas, dos 46.557.008 de cidadáns españois, 35.337.337 non puideron votar aquel mércores de decembro. Non merecerían unha consideración? Son moitos anos. Tantos que sorprende a incapacidade do poder para cambiar algo, aínda que sexa para que nada cambie; ou quizais pensen que cederon demasiado?

Como non tiña moito que celebrar, e moito menos baixo o estado excepcional do 155, só me lembrei da data cando vin os comercios pechados. O frío lembroume aquela xornada en Beariz, ou quizais fose en Avión?

Mércores, 6 de decembro de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario