Nos
últimos anos, ao mellor é unha falsa percepción aínda que contrastada con outras
persoas, os edís, en especial os alcaldes, están como obsesionados cos labores
de xardín. Encántalles que lle digan, ou supoñer que lle din: “que bonito está”.
Nalgúns casos a obsesión polos “maceteiros” con flores de tempada, non polos espazos
verdes, deriva en delirio. O centro dalgunha cidade seméllase máis ao salón apampado
dunha casa pequeno burguesa que a un centro de actividade comercial ou
administrativa.
A
visión da cidade como escaparate, a obsesión pola decoración urbana, viña xa de
antes, mesmo tivera nalgún alcalde norteño un destacado referente, coa crise estourou como disimulo, xa con
aquel inocente “plan E” que verteu polos sumidoiros urbanos uns cantos millóns
de euros que non serviron máis que para unha breve respiración asistida a
algunha que outra empresa construtora. Co exhibicionismo avanzou a
privatización do espazo urbano: parkings carísimos, terrazas ocupando
beirarrúas, rotondas arboradas con oliveiras torturadas ou decoracións kich, humanizacións
inhumanas... expulsan os periféricos e diríxenos aos centros comerciais
convertidos en catedrais do consumo e sucedáneos de vida urbana.
O
delirio vira en paranoia cando se achegan os tempos de excitación consumidora.
Exhibición de lucerío sobre rúas, árbores, edificios, cutres alfombras
vermellas tendidas aos pés das estrelas consumidoras, monecos pendurados dos lugares
mais incribles, algúns aterrorizarían calquera neno que non estivese
condicionado polo fetichismo como o can pola pata de pau do axudante de Paulov.
Na
vella Roma os edís curuis, fosen patricios ou plebeos, organizaban xogos,
vixiaban pesos e medidas dos mercados, resolvían
preitos comerciais, dirixían a
actividade económica. Houbo un tempo no que os concellos tiñan recursos, sempre
escasos, para intervir, ben ou mal, sobre o desenvolvemento económico. A crise
económica e a recentralización dos controladores converteron os concellos en
xestores da aparencia. As decisións tómanas en Bruxelas, execútanas Rajoy e
Montoro e Feixoo fai de altofalante.
Os
alcaldes máis perversos asumiron a trampa e venden florituras aos cidadáns.
Sábado,
9 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario