Coido
que xa fixen algunha referencia nestes retallos a unha certa pulsión voyeur,
espreitadora, e sobre todo ouvidora, que me prace saborear cando teño
oportunidade, que non é en moitas ocasións.
Para
este gozo precísase unha mínima conxunción. Primeiro que haxa escena que
observar, mirar con disimulo ou escoitar de fondo, se son fraccións curtas e
descontinuas moito mellor xa que deste xeito podes encher os baleiros sonoros
coa imaxinación. En segundo lugar atoparte en estado de silencio e de
dispoñibilidade temporal. Ambos precisos para mirar e escoitar. Así que é
conveniente que non teñas moita présa en ler o xornal ou poidas non lle
emprestar moita atención.
Esta
última circunstancia ven ultimamente moi favorecida pola preeminencia das
aduanadas que os xornais lle dedican ao “procés”, agora ás eleccións, e que, por cautela, un prefira deixar de lado
as primeiras páxinas de todos eles, inflamadas dun patriótico ardor hispano que
pode provocar irritabilidade estomacal que é mellor evitar para non ter que trousar no medio da cafetería.
Xa
que logo dispoño con máis frecuencia dun tempo espreitador . Mais as escenas observables
non sempre se producen. Ata hoxe. De súpeto dúas escenas dignas de
atención se desenvolveron a un tempo,
impedíndome facer o seu seguimento coa
atención precisa.
Unha
foi breve, pero o suficientemente intensa como para lembrarme que, na mente dos
profesionais, xa non debe faltar moito
para que se celebren as eleccións municipais. No da xente normal aínda falta un
mundo, pois coido que tocan para alá dentro de ano e medio. O caso é que un
cargo provincial do goberno galego, un exalcalde inhabilitado e a persoa que
exerce o mando na localidade estaban a compartir con ledicia un café. Deume que
a súa alegría se debía á coincidencia na
futura candidatura do seu partido, na actualidade na ineficacia opositora á que
non están acostumados.
A
segunda foi un chisco desagradable. Un rapazolo, vestido de uniforme, traxe
azul brillante, pantalóns apresados nos nocellos, zapatos aguzados que lle
asemellaban os pés a un palmípede, camisa branca, garabata; pelo curto engomado
e aquelado con presunción, embutido como
un chourizo, cos obxectos que portaba (móbil, chaves, carteira...) rebordando
de tanta presión; dous elementos de modernidade exótica, un enorme, non sei cal
é o temo, quizais “foulard”, que se semella máis a unha touca, envolto arredor do pescozo e unha arracada brillante
cun punto negro no centro enxertada nunha orella, pelo curto e ben arranxado.
Este
mozo repoludo de constitución, mais tamén cunha barriguiña excesiva para a
idade, de pé, estáballe a botar unha reprimenda
de pai e señor noso a un rapaz enfundado nunha trenka, discretamente sentado
nunha cadeira, cunha serie de carpetas e a taza do café sobre a mesa. “Bromas
las justas y si no a la puta calle”; “llevas...” e seguiu. Non quixen ouvir máis, pero foime imposible non mirar. O mozo
gordo apuntaba co dedo á cabeza do rapaz da trenka mentres este axustaba o nó
da garabata que se anunciaba debaixo da prenda. Tiña o detalle de non elevar o
ton. Rematou.
O
mozo mandarica dirixiuse á barra onde o esperaba outro rapaz con pinta de
subordinado, conversaron, o mandón fixo algunha graza que o outro lle celebrou.
Pasaban os minutos. O rapaz da trenka non sacaba os ollos do móbil no que debía
estar traballando, o rostro triste, de cando en vez o índice da man dereita
furgaba por debaixo dos ollos. Era guapo, delgado e cunha barba mesta pero
curta e o cabelo de xeito natural.
O
mandarín debeu apesararlle un pouco o que lle dixera. Antes de marchar
dirixiuse ao mozo facéndolle algunha graza ao que este respondeu cun sorriso
torto. Primeiro marchou o xefe e un subordinado. Máis tarde, despois de
acariñar varias veces as pálpebras co índice, ergueuse.
Recoñecino.
Era un comercial dunha empresa que o día anterior chamara na porta ofrecéndome
non sei que. Falárame nun galego non estándar que agradecín. Agora deume un
chisco de pena e deille, para min, moitos ánimos.
Martes,
12 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario