venres, decembro 01, 2017

Urbaniño, o municipal de Baiona III. O proceso


O informe provisorio do instrutor conclúe que os feitos dos que se acusa a Urbano Rodríguez Barreiro son constitutivos do delito de rebelión militar co agravante de perversidade polo que debe imporse a pena de reclusión perpetua ou morte, sendo de aboamento a prisión preventiva e cabendo esixir responsabilidades civís.

Para elixir defensor preséntaselle unha listaxe de nomes, todos oficiais, dos que Urbano elixe ao alférez de complemento Miguel Ángel Llano. O 13/12/37 o encartado comparece ante o instrutor acompañado polo defensor. Unha vez máis Urbano nega as acusacións  que se lle fan e solicita a comparecencia para declarar no consello de guerra de: Eulalia Freire, da Porta da Vila; Vicente González Cadilla, ex-alcalde; Magno Amor, avogado; Rosalía e Clara Castro González, da Porta da Vila; Antonio Sousa, dono do Hotel da Palma; Francisco García, armador; Francisco Valverde, armador e Joaquin Pazo Nartallo, presidente da patronal.

Pola súa banda o militar que actúa como defensor, Miguel Ángel Llano solicita ao instrutor que se interese pola sentenza ditada contra o que foi alcalde da vila de Baiona, Agustín Villafines e outros (refírese á causa 138/36) e se incorpore ao expediente da de Urbano Rodríguez. Cousa que así se fará.

    A data do consello de guerra quedou fixada para o 12 de xaneiro de 1938 e ficou constituído por:
    Presidente: Tenente Coronel de artillería , José Albo Abascal
    Vocais: Capitán de inválidos Manuel Rodríguez Mella
          Capitán de infantería Antonio Ricote de Pedro
          Capitán de infantería Diego Martínez Flórez
          Capitán de infantería Modesto Nieto Núñez
          Capitán de infantería José Noguerol Rodríguez
    Poñente: Capitán do corpo xurídico José M. Bejerano
    Fiscal: Alférez xurídico, Manuel María Puga y Ramón
    Defensor:              Alférez de complemento Miguel Ángel Llano

1.  O Consello de Guerra

    Que aqueles consellos de guerra eran unha mera representación teatral do que tan gustosos eran os militares sublevados ponse en evidencia cando o fiscal renuncia a interrogar ao encartado. Renuncia que non é ningunha novidade xa que en todo o proceso de instrución o fiscal nunca compareceu. Sabía que o seu traballo quen o tiña que realizar era o xuíz-instrutor, polo que a imparcialidade do mesmo queda baixo absoluta sospeita.

    Quen si se vai a empregar a fondo na vista é o defensor Miguel Ángel Llano  que comeza por interrogar ao acusado. Urbano Rodríguez declara que quen o convidou     para ocupar o posto de secretario da sociedade obreira de Baiona foi o ex alcalde Vicente González Cadilla, xa que aquel cargo estaba retribuído e só o desempeñou  durante cinco meses, pois cando lle deron o posto de Garda Municipal abandonouno. Manifesta tamén que foi sancionado en dúas ocasións por poñer en liberdade a dous detidos de dereitas e que o 21 de xullo fixo garda na bomba de gasolina e participou na detención de Javier Alfaya por orde do alcalde. Así mesmo manifesta que o día  que entraron as tropas en Baiona, o 24, estaba na cama; que foi detido nos primeiros días do movemento e que estivo hospitalizado durante este tempo nos pavillóns sanitarios sen garda de ningunha caste.

    Pola súa banda o fiscal reclama a dúas testemuñas de cargo, que non se citan na acta, nin comparecen. Pasando o defensor a citar ás súas testemuñas. Dos nomes achegados por Urbano Rodríguez quizais sexan tan significativas as ausencias como as presencias. Propostos pola defensa foran o avogado Magno Amor; os armadores, Francisco García e Francisco Valverde e o presidente da patronal de Baiona Joaquin Pazo Nartallo. Ningún deles fixo acto de presenza. Tampouco o fixo Clara Castro González, pero si a súa irmán, Rosalía.

Quen si se presentou a declarar foi o ex alcalde Vicente González Cadilla, que non debemos confundir co tamén ex alcalde Vicente Vázquez González que cualificaba a Urbano como “peligroso para la Nueva España”. Cadilla declara que foi alcalde de Baiona durante moito tempo. De feito foino durante case todo o breve período republicano. Elixido polos concelleiros o 6 de xuño de 1931, mantívose no posto ata o 2 de marzo de 1936, data na que foi substituído por Manuel Godoy Agrelo. Xa que logo debemos considerar que Vicente Vázquez González ocupou a alcaldía interinamente, durante o período republicano, en determinadas circunstancias, xa que na data de nomeamento de Cadilla como alcalde figura como 1º Tenente de Alcalde. A actitude dun e outro son ben diferentes. Mentres Cadilla procura favorecer a Urbano, pola contra Vicente Vázquez González é sempre demoledor nas acusacións contra o encartado.

 Cadilla di que efectivamente coñece ao imputado e que non o viu portar armas e que realmente se trata dunha persoa enferma e neurasténica. A preguntas do poñente Cadilla reafirma que foi alcalde ata a trunfo da Fronte Popular e que o procesado sempre se portou correctamente tanto foi así que durante a revolución de Outubro (refírese a 1934) fixo unha recadación para o exército por orde del e acordo da corporación. Remata o ex alcalde republicano a súa valorosa declaración afirmando que ignora a ideoloxía política de Urbano Rodríguez así como  razón da súa detención

    Comparece ante o consello Rosalía Castro González, veciña da Porta da Vila,  que manifesta que o procesado era moi relixioso e facía promesas aos santos, así como que o 1º de maio estaba na casa e que cando entraron as tropas en Baiona, na cama, e que na vila hai un neno ao que lle chaman Trotsky. Eulalia Freire, tamén veciña da Porta da Vila, di que Urbano non ía ás manifestacións do 1º de maio e coincide con Rosalía no seu carácter relixioso.

    Pola súa banda, o dono do Hotel da Palma, Antonio Sousa, declara que viu ao imputado nas noites do 22 e 23 de xullo facer garda na bomba, na súa calidade de garda municipal, pero sen armas. Indica que ten un bo concepto de Urbano e, a preguntas do poñente, que descoñece a súa ideoloxía política.

    Rematadas as declaracións, intervén, por primeira vez, o Fiscal para elevar a definitivas as conclusión provisionais e solicitar a pena de morte.

    A intervención do defensor semella importante, xa que despois de sinalar as diversas contradicións existentes entre as declaracións recollidas no atestado e as prestadas ante o instrutor (nomeadamente as do cabo Fontenla e do propietario da cafetería), subliña que se trata dunha persoa enferma, apoiándose nas prolongadas estancias de Urbano no hospital e nas declaracións de Cadilla, que tivo que recorrer a todos os medios para manter a súa numerosa familia e que mesmo en contra da súa vontade e do seu sentimento tivo que aceptar o posto de secretario da sociedade obreira por ser este retribuído e que o deixou tan pronto puido ao conseguir o emprego de garda municipal. Despois de lamentar a ausencia das testemuñas de cargo indica que o seu defendido non merece unha pena tan grave xa que non hai cargos probados e tendo en conta a sentenza da causa 138/36, engadida ao sumario, contra Agustín Villafines e 22 máis demóstrase que os feitos en Baiona non foron tan graves, xa que nin o alcalde nin os xefes marxistas foron condenados a penas capitais, polo que sería un paradoxo que o encartado sufrise unha pena xa non igual senón incluso superior á dos principais dirixentes e que na instrución as testemuñas de maior cargo só o acusan de acompañar aos dirixentes e en consecuencia non o consideran como tal, polo que solicita a absolución do seu defendido.


    Xoves, 30 de novembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario