venres, decembro 01, 2017

Urbaniño, o municipal de Baiona IV. A sentenza e o seu cumprimento


    O mesmo día prodúcese a sentenza. Considera probados os feitos, ao Urbano autor dos mesmos e condénao á pena de reclusión perpetua como autor dun delito de rebelión por adhesión, coas accesorias de interdición civil e inhabilitación absoluta, séndolle de aboamento a prisión preventiva e reservándose o estado e aos particulares a acción civil correspondente para pedir a reparación do dano e indemnización dos prexuízos polo que a estes efectos ordena se remita a resolución á comisión provincial de incautación de bens.

    Inmediatamente comunícaselle a Urbano a sentenza. O Auditor de Guerra aproba a sentenza o 15 de xaneiro e o mesmo día o Xeneral Xefe da VIII Rexión Militar, ratifícaa. Na liquidación de condena indícase que Urbano foi detido o 24 de xullo e que a pena quedaría extinguida o 20 de xullo de 1966.

    Nun escrito do 13 de agosto de 1940, o xuíz especial de conmutación de penas de Vigo indica que o día nove do mesmo mes dispuxera a liberdade do condenado en prisión atenuada no seu domicilio, á espera do resultado definitivo da proposta.

    O 14 de outubro de 1941 o xuíz instrutor especial de conmutación de penas de Vigo, Ángel Lloveres Abelleira comunica ao xuíz de Instrucción de Baiona as seguintes dilixencias: a notificación a Urbano Rodríguez Barreiro que lle foran concedidos os beneficios de prisión atenuada no seu domicilio; que se lle notifique a prohibición absoluta de ausentarse da súa residencia e que non pode cambiala baixo pretexto algún sen autorización expresa; así como que poña en coñecemento da policía ou Garda Civil da situación legal do condenado a fin de que sexa vixiado.

    Infelizmente o xuíz de Baiona xa non lle poderá comunicar a Urbaniño as dilixencias ordenadas. Herminio Ramos anotou no seu diario:

         “1941, agosto 14. El ex municipal Urbaniño, uno de los rojos puestos en              libertad, en el día de hoy aparece muerto en los montes de Bahíña, a          consecuencia de la caída de un pino.”

    Sen embargo a burocracia militar continúa o seu percorrido kafkiano e a causa non será arquivada ata 1944. Mesmo en febreiro de 1943 o xuíz militar envía unha comunicación á Garda Civil de Baiona para que “cese la vigilancia a que dicho penado está sometido”. De feito ata novembro de 1943 non se incorpora á causa copia da acta de defunción de Urbaniño “o municipal”.


Venres, 1 de decembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario