Partíase
dun previsíbel equilibrio entre bloques, é o temino mediático que se impuxo, os
independentistas e os unionistas, en propiedade republicanos catalanistas e monárquicos,
cun minguante sector de intermediarios ou equidistantes. Os bloques non xogaban
nas mesmas condicións. Un tiña os seus candidatos no cárcere ou no exilio. O
outro contaba coa forza coercitiva dun estado, que é moita, o apoio político dunha alianza económica,
aínda que sexa en horas baixas, dirixida polas institucións europeas. Aínda así
o Estado, ante a forza cidadá do outro bloque, tivo que actuar con contención e
aplicou un 155 “interruptus” por unhas eleccións rápidas esixidas polos socios
europeos. Agardábase nos círculos de poder político e económico de Madrid e
Bruxelas que o castigo xudicial, o machaque mediático, as ameazas dos señores
do Ibex35 con representación de fuxidas incluídas, fose suficiente.
Aínda
así, era de agardar o equilibrio entre bloques. No catalanista cunha ERC que
partía como favorita e unha candidatura afastado de vella Convergencia construída
por Carles Puigdemont dende Bruxelas e que
a medida que avanzaba a campaña medraba, segundo as enquisas, en apoio popular; e unha CUP que resistía como
podía á natural concentración provocada pola polarización.
No
bloque españolista anunciábase a agrupación do voto arredor do partido da dereita
españolista emerxente; un pequeno ascenso do PS, xa sen a C, borrada pola traxectoria
dos últimos anos e por “consentidor” do 155; e un anunciado devalo do partido
do goberno de España, do primeiro ministro Rajoy, aplicador do 155 e, en especial, un fracaso da xestión da
vicepresidenta encargada da ventaíña catalá.
Auguraban
tamén as enquisas unha elevada participación e un descenso dos indecisos
equidistantes; xustamente por selo.
Como
en moitas ocasións as previsións demoscópicas cumpríronse pero coas matizacións
que sempre introduce a cidadanía cos seus votos e non sen certas sorpresas.
A
previsión de participación cumpriuse. O voto unionista concentrouse no partido
que emerxe como substituto do partido corrupto e que, semella, conta con bos
amigos entre as xentes que deciden, os do Ibex-35, a quen citou na súa
comparecencia pública, en varias ocasións, o presidente Puigdemont. O
agrupamento produciu o desfonde do PP, o partido máis pequeno da cámara cun
4,25% que, de aplicarse a lei electoral galega, ficaría como extraparlamentario;
o parón do PSC que só deu traducido o
seu aumento en votos e en porcentaxe (13.93) nun único escano máis.
En síntese, os unionistas (C´s+PSC+PP)
fican co 43,68% e 1.888.190
votos.
Fronte
aos titulares da prensa española que
imaxino para mañá resaltando a vitoria da señora Arrimadas, a sorpresa estivo
entre os independentistas. A posibilidade de que mantivesen a maioría parlamentaria
prevíase, aínda que a elevada participación a media tarde introducía incertezas.
Ora ben, nin se agardaba que fose tan segura nin que a lista de Puigdemont
superase a ERC. O “president” soubo
manexar con tino o seu rol institucional e evitar a tentación da entrar na
disputa electoral entre os seus. A súa actitude foi recompensada con nove ou
dez deputados máis dos que agardaba. Cómpre con todo salientar tanto a lealdade
institucional como o proxecto da
independencia que mantiveron ERC e a CUP. Destacábel neste último caso, xa que
se sabían os máis prexudicados polo polarización. En resumo, os republicanos
mantiveron a súa maioría parlamentaria nas peores condicións que podían
imaxinar, superaron a barreira dos dous millóns de votos e acadaron o 47,71%
deles. A República catalá do 1-O, dixo Puigdemont, derrotou a monarquía do 155.
En
terra de ninguén ficaron os autonomeados comúns que seguen sen percibir que
tiveron votos para cambiar as cousas pero non para andar a xogar a facer que
fago. Perderon case cincuenta mil votos, a pesar da elevadísima participación,
e un punto e medio en porcentaxe. Xunto co PP son os grandes derrotados, pero o
“president” non tardou en botarlle un cabo: os partidarios dun referendo suman
o 55.55% dos votos.
E
agora que?
Pois
que se a DUI foi un brinde ao sol, o 155 un estalote de San Xoán. Estamos no
mesmo sitio, porque a vontade de independencia, cando menos da metade, do pobo
catalán é hoxe máis forte que hai dous anos, e moitísimo maior que hai unha
década. Seica, lin nalgún sitio, o vello Borbón, díxolle a alguén sinalando o exministro Margallo: “Lo de Cataluña es todo
culpa de estos del PP”. O Borbón sabe máis por vello que por raposo e atina no
síntoma pero non na doenza.
Dixo
Juncker, temeroso do efecto ficha de dominó que se desencadeou tras o golpe dos
mariscais contra Gorbachov en agosto de 1991, “o nacionalismo é veleno”. Reafirmou:
“Europa é un club de nacións e non acepto que as rexións vaian contra as nacións”.
Ergo, que as nacións vaian contra as
rexións será posíbel? Ao que lle ten
medo o luxemburgués trampulleiro é a que a onda de soberanía nacional que
abalou a Europa oriental hai case trinta anos se poida propagar pola Europa
occidental e o club de nacións do que fala, na verdade un club de estados decimonónicos,
poida converterse no club dos pobos libres de Europa.
A
iso, e a que o voto democrático revalide a maioría institucional en Cataluña; outorgue
a hexemonía ao nacionalismo na Córsega da Francia xacobina e imperial; que o
brexit poida non ser suficiente para deter o
independentismo escocés; que o medre da poboación católica no Ulster poida
abrir a porta á reunificación irlandesa; que os vascos poidan curar pronto as
feridas, as de ETA e as da laminación de Ibarretxe; que o Quebec francófono
siga a ser unha espiña cravada na “grandeur”
parisiense; que Bélxica sobreviva formalmente como estado porque eles teñen alí o centro de mando.
Os
grandes derrotados nesta noite catalá foron o señor Rajoy e monsieur Juncker. O
primeiro por nostálxico do imperio e o segundo por fariseo, pois sabe ben que o
caso é ter estado, aínda que sexa pequerrechiño.
Xoves, 21 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario