venres, decembro 01, 2017

Urbaniño, o municipal de Baiona II. A instrución


    Recibido o atestado do Cabo Pena, o Alférez Xurídico e Xuíz Eventual da Praza de Vigo, Alfonso Fidalgo Pereira, acorda, o 17 de novembro de 1937, incoar a correspondente causa. Ao día seguinte o Director do Hospital Provincial, onde Urbano estaba ingresado dende o día seis do mesmo mes,  considera que está mellorado da súa enfermidade e que pode continuar o tratamento no cárcere, a onde é trasladado ao día seguinte.

    Os problemas de saúde de Urbano que tanto el como o defensor de oficio aduciran en determinados momentos da causa para explicar a tardanza en someter a Urbano Rodríguez a unha causa militar e mesmo a súa ausencia nunha especie de “causa xeral” contra os frontepopulistas de Baiona, a numerada 138/36 resolta en febreiro de 1937 na que se condena aos irmáns Villafines  a reclusión perpetua (30 anos), a seis dos procesados a 20 anos e a outros quince veciños de Baiona a 15 anos de reclusión. Os problemas de saúde de Urbano serían os que o terían empurrado a deixar o mar para, primeiro, e por uns poucos meses, actuar como secretario da Sociedade Obreira, posto remunerado, e posteriormente aceptar o posto de Garda Municipal. A idade e sete fillos serían dúas razóns máis.

    O 20 de novembro de 1937 o instrutor trasládase a Baiona para iniciar as súas indagacións. Comeza tomando declaración a Ángel Rodal Rodríguez que se ratifica absolutamente no que tiña manifestado e engade ademais que o Urbano requisou  algún aparato de radio, cando menos o da patronal, e que o observara dirixindo aos que metían as caixas de dinamita na casa do concello onde o vira fabricando bombas.

    O secretario municipal Joaquín Peralba Álvarez ratifica a súa anterior declaración aínda que agora engade que non considera a Urbano un dos principais dirixentes xa que cando os milicianos entraban na casa do concello preguntaban sempre polos Villafines e os Mandado.

    Tamén se ratifican nas súas declaracións o notario, de orixe redondelá, Javier Alfaya Pérez, o Cabo dos Municipais, Leonardo Fontela Fontela  e Ulpiano Vilar Ochoa. Este engade que viu a Urbano na Praza de Abastos invitando aos obreiros a subir a camionetas para desprazarse da vila, así como que nos días anteriores á chegada das tropas o viu armado cunha tercerola (arma máis curta que unha carabina) e o mesmo día, cunha pistola. Tampouco modifican a súa declaración Antonio Marcote Rodolfo, o ex alcalde Manuel Godoy, nin o tamén ex alcalde Vicente Vázquez González.

1.  Os informes do Cabo Pena e do Alcalde de Baiona

    Tanto os informes do Cabo Pena como do alcalde de Baiona son demoledores. O 22/11/37 o Cabo Pena di que Urbano é de mala conducta tanto pública como privada, que a súa significación foi sempre socialista aínda que nos últimos tempos inclinouse cara ao comunismo do que era un propagandista como o demostra o feito de ocupar o cargo de secretario da sociedade obreira, cargo que só se lle daba ás persoas de confianza.

    Indica tamén que coa chegada da República déronlle o cargo de garda municipal para retiralo da sociedade obreira, onde envelenaba ás masas. Foi destituído por indesexable e tras unha reclamación foi restituído e que só entón se suxeitou un pouco, pero co triunfo da Fronte Popular acompañábase, aberta e descaradamente, dos elementos máis destacados e paseaba con eles de forma ameazante. E remata:

“ Por todo lo expuesto y teniendo en cuenta la perversidad que adorna a este individuo considero su libertad muy peligrosa, pudiendo asegurar que ejecutaría cualquier hecho delictivo en la menor ocasión”

    O informe do alcalde-presidente da xestora, asinado o mesmo día informa tamén que militaba nas fraccións políticas de esquerda, formando parte da Sociedade de resistencia que había en Baiona  e que actuara activamente nunha folga de mariñeiros, que durou varios meses, no ano 1932. A sinatura é ilexible pero naquela altura o alcalde de Baiona era José Barreiro Álvarez quen exercía o cargo, agás durante un breve período de dous meses a comezos de 1937, dende que as autoridades militares o nomearan presidente da xestora na compaña de Edmundo Salgado Miñiño, primeiro tenente de alcalde, Juan Manuel Martínez Martínez, segundo, e como síndico Nicanor González.

2.  As declaracións de Urbano Rodríguez Barreiro

Despois das indagacións baionesas o instrutor tómalle declaración a Urbano Rodríguez Barreiro que nega que tivese algo que ver nos sucesos de xullo do ano anterior, que desempeñase cargo algún, que fose á casa do concello a outra cousa que a cumprir co seu traballo de empregado municipal e que aínda sendo certo que participou na detención do notario Javier Alfaya Pérez, non sabe quen a ordenou e que el só cumpría ordes, o que portaba a orde de detención era o Cabo Fontenla, e que ían acompañados do tenente de alcalde Luís López Luís (un dos irmáns “Ineses”, asasinados en Sabarís o 13/10/36) e que foi este último quen acompañou ao detido nun coche, mentres el e o Cabo Fontenla regresaron a pé. Declara que ignora que na casa do concello houberse dinamita e polo tanto non sabe quen eran as persoas que a manipulaban así como que nunca tivo escopeta, nin revólver.

O 26 /11/37, o instrutor Alfonso Fidalgo mantén as acusacións (obedecer ordes de dirixente da FP, favorecer ao movemento revolucionario-marxista, portar armas –longa e curta-, manipular dinamita, requisar aparatos de radio, practicar detencións) e considera que hai indicios claros de criminalidade polo que declara procesado ao Urbano e eleva a prisión a súa detención. O mesmo día o secretario da causa comunícalle ao detido o seu  procesamento.

Nunha posterior declaración Urbano ratifícase na anterior agás no referido a que os Gardas Municipais non estaban autorizados a portar armas, xa que naqueles días, por  orde expresa do alcalde Agustín Villafines, foron autorizados para que cando entrasen de garda, o fixesen coa pistola do cabo Fontenla que era o único que tiña autorización en época normal, e deste xeito tanto el como o outro Garda Municipal, Justo Súarez, ao entrar de garda e ao relevarse entregábanse a pistola, xa que tiñan orde do alcalde de vixiar a bomba da gasolina e o convento. Nega todas as demais acusacións. Tanto que portase unha escopeta como que requisase unha radio, así como o incidente de “Las Colonias” e ignora se no concello había dinamita. Afirma que o día en que entraron as tropas en Baiona, el estaba na cama.

A declaración de Urbano é parcialmente confirmada polo tamén ex Garda Municipal José Suárez. Declara que foi garda durante seis anos, pero a mediados do ano 1937 suspendérono, ignorando o motivo, aínda que imaxina que foi porque un día se emborrachou, pero que a causa do seu cese non ten nada que ver coa política. Manifesta que descoñece quen practicou a detención do notario Javier Alfaya, aínda que si lembra que un dos revolucionarios, o alcalde Villafines, deulle unha orde de detención contra o notario para que lla entregase ao cabo Fontenla, ignorando todo o demais. Manifesta tamén que aínda que os gardas non estaban autorizados a portar armas, naqueles días de xullo do pasado ano si o fixeron, ao ordenarlle o Alcalde que ao relevarse no posto de garda se entregasen a pistola do cabo, os uns aos outros.

Nunha nova declaración (30/11/37) ante o instrutor o Cabo Fontenla expresa que descoñece a orde do alcalde Villafines de utilizar a pistola os gardas municipais e pasala nos relevos e que só un daqueles días, por orde do alcalde, lle entregou a pistola a Justo, quen lla devolveu ao facerlle o relevo. Sobre a detención de Alfaya, di que o xa falecido tenente de alcalde Luís López, ordenoulle que o acompañase nun coche, no que tamén ía Urbano, o automóbil detívose diante da casa do notario e Luís López dirixiuse ao notario para dicirlle que o tiña que acompañar a Baiona, ignorando o que pasou despois,  xa que el retirouse para un lado e logo regresou nunha camioneta, mentres o Luís López e o Urbano regresaron no coche xunto ao Alfaya. Así mesmo manifesta que non sabe quen levaba a orde de detención e que o que realmente lle entregou Justo foi un oficio, asinado polo alcalde e co selo da alcaldía, no que se daba orde para que ao mando das súas forzas practicase a detención das persoas sospeitosas.

Mércores, 29 de novembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario