Cando
pediron o terceiro vermú xa me decatei de
que a cousa non ía ir ben. Fronte por fronte nunha mesiña de dous. Tras os
cristais de cu de vaso reloucaban inquedos uns ollos, a testa ladeada, unha
longa perrera encerellábase entre lentes e pestanas; o sorriso mordaz ameazaba
cun arrinque enrabiado. Debruzado, coa man esquerda acariñaba a cazoleta dunha paipa
manuelantoniana pousada sobre o brazo dereito, en acto de contención. De cando
en vez abaneaba a cabeza, arremedaba cos ollos e colgaba a cachimba sen fume
dos beizos.
Da
outra banda da mesa, o compañeiro de conversa -ou non era tal, nin compañeiro,
nin conversa?- apuntaba cun índice de longos dedos mentres axitaba un paquete
de Gitanes, ou acaso era de Gauloises? Abundante cabelo ondeante en acibeche
fronte a outro ralo, liso e acastañado. Arcadas cellas espreitan ceos luminosos
dun depresivo mediterráneo en contraste con outras pitoñas, arredondadas, que reflicten nubes densas
fuxidas dun atlántico vital.
De
formas sutís, persuasivas, de modesta superioridade, desbordantes, prolíficas e
metódicas, educadamente burguesas, un; rudas, cortantes, acedas, inseguras, ruminantes,
traballadas, de reminiscencias proletarias o outro. Ambos semellan vivir a conversa, ou non é tal?,
coa paixón militante de quen coida que se lle esta a marchar a vida, de quen
vive agoniado pola traxedia que foi e non se dá ido, de quen intúe incertezas e
combates futuros.
Ao
erguerse e camiñar polo lineal El pitu del Born, as miradas érguense e pousan naqueles dous cincuentóns, un un pouco maior
que o outro, vestidos á moda vintage con traxe, e a americana abotoada con
pulcritude, nívea camisa e gravata,negra nun caso, listada no outro. Ambos
portan, dobradas sobre o brazo esquerdo, senllas gabardinas, unha clara, a
outra escura.
Ao
pousar sobre os lastros do Carrer del Comerç, mentres ollan para o vello
mercado reconvertido en férrea arquitectura cultural, deteñen a conversa, ou
non era conversa?, coa calma do descanso do combate. O tímido activista
discrepante e rebelde viste a prenda contra a choiva inexistente cun coidado
desaliño, o colo retorto e as mans no peto dos pantalóns aseméllana á capa dun
superheroe americano; o militante que nunca foi, con abraiante acougo alisa calquera
sospeita de engurra no escuro chuvasqueiro e abotóao solermeiro; rematada a
función racional carga, pousón, o forniño da pipa, préndea, dálle unhas pitadelas
á boquilla e unhas fumeiradas de locomotora infantil soben cara ao ceo; mentres o branco Gitanes, ou quizais
era un Gauloise?, brinca na man nerviosa do seu compañeiro de conversa; ou non
era nin unha cousa nin outra?
A
escena concentra os ollares das xentes que animan as rúas no ir e vir de séculos; miran para os
estrafalarios personaxes vestidos como os seus avós e coidan recoñecer rostros.
Moitas mozas novas e mulleres maduras fitan atrevidas; eles dedícanlle
temesiños sorrisos engaioladores, un; ousados e faúnicos, o outro.
Recuperan
xestos, miradas, dicires... ata que un berra: “...a equidistancia é inmoral...”
e o outro retrúcalle: “... entre a xustiza e miña nai, escollo a miña nai...”.
Eu olleinos pasar camiño da Estació de França.
Era
un soño?
Ou
quizais París baixo o ceo de Orán.
Mércores,
27 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario