xoves, decembro 07, 2017

Volver a Santa Susana

Paco Leiro, Homenaxe a Castelao, 1995. Granito negro, Santiago de Compostela
Conta miña nai que foi pola Ascensión, ou ao mellor polo día de Santiago, a primeira vez que saíu da casa. Quere dicir que viaxou máis alá dos lindes parroquiais e da bisbarra. Revíveo como se fose onte. Alá a levou seu pai. Manducou polbo á feira, brincou na carballeira e ficou retratada envolvida nun corazón.

O outro día mentres subiamos carballeira arriba, en viaxe colectiva maxistralmente guiada por Encarna Otero, lembrei o relato materno sobre a súa viaxe iniciática á cerna do país que o Padre Flórez denomina “auterium pullorum”. Aclara o frade agostiño, na súa España Sagrada, que “...se explica por el sitio, que es un Otéro, ò Collado, que se levanta sobre el terreno, en cuya cima está la Iglesia de Santa Susana, y en el campo que hay al redor del Otéro, se hace la feria de los Potros, ó pequeños Caballos, que se crian silvestres sin mas guarda que la marca de su dueño. Estos se llaman en latín Pulli equini: y en algunas Escrituras antiguas de Galicia Puldri: por lo que igualmente se escribe aqui Puldrorum y Pullorum (...) y el auterium pullorum es Otero de Potros por hacerse alli la Feria en que se venden”.

Xa non brincan os poldros nin hai curros ao pé de Santa Susana mais ségueno a facer nas nosas serras miñorás “sin mas guarda que la marca de su dueño”. Otero Pedrayo inclinábase máis pola lectura como “altarium pullorum” en referencia á vista que dende a cima do coto se enxerga sobre a catedral. Pero a min vaime máis o da feira que me lembra as terras, patrias e matrias do Deza coas súas carballeiras, a súa feira anual de mulas e cabalos no Vento, ao pé de Bermés, camiño do meu Carrio natal. E volverán os mozos acurrar os poldros no Pedroso e rebrincar as mulas na feira de Santa Susana?

Cidadela castrexa, campamento romano. Coroada por Xelmírez cunha capela para gardar algunhas das reliquias que roubara, en nocturno latrocinio, na metropolitana Braga para grandeza e protección de Compostela, xa dende alí, fóra das murallas protectoras. A carballeira de Santa Susana, sitio de feira, que lembraba o meu avó, campo de festa, lugar inspirador da cidade, denomínaa Otero, quen a describe como monumento para lembranza e testemuño da fonda unidade entre a Compostela e o campo nutricio de Galicia. Ben é sabido que Otero denominábaa “a aldea grande”. Permanente unidade testemuñada na vitalidade da súa praza de abastos que conxuga calidade de produtos labregos, dinamismo económico e modernidade gastronómica. Espello no que deberían mirarse cidades e vilas entregadas ás “grandes superficies” depredadoras de produtores e consumidores.

Así que arrincamos dende a Alameda por entre carballos traballados para que se ergan dereitos cara ao ceo e lle permitan ás raiolas de sol frío rebotar entre as súas pólas, imos cara á sorpresa da nosa guía. De súpeto batemos cunha mole negra e dúas siluetas mil veces percibidas. A ocultación do noso, e tanto, que ninguén coñecía a obra de Leiro,  a súa telúrica homenaxe a Castelao arrincada do negro granito de Cuntis. Leva alí máis de vinte anos. Ben merece unha visita esta aquelada mestura de tradición e modernidade.

Martes, 5 de decembro de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario