sábado, decembro 09, 2017

Matinando na cafetería

Entre sesión e sesión de clase, ás que agora asisto como alumno para poder comprobar as incomodidades das cadeiras para adolescentes e a escaseza espacial das mesas escolares, achégome a tomar un café. Xa é unha rutina. Un profesional discreto que atende  solícito, espazo agradable, dous enormes televisores en ángulos contrarios, voz ao mínimo, con subtítulos, o que permite ollar, se queres, e que o son non moleste, por ende téñenos sintonizados nunha cadea de información, cada pouco trufada con algún documental breve.

Esoutro día coincidiu que emitían un documental sobre Edison e Ford, coido que estaba centrado nestas figuras, pois só ollei uns minutos. Nese breve tempo puiden atender a dous teitos simpáticos e que me fixeron pensar.

A ningún dos dous lles preocupaba moito inventar senón máis ben resolver problemas técnicos das súas empresas. Isto é polo que os americanos seguen a ser un imperio, pola súa capacidade para xerar beneficios da tecnoloxía. Non é cousa pois de Steve Jobbs, Jeff Bezos, Mark Zuckerberg, Bill Gates ou outros “santóns” da conxunción industria-consumo, senón que procede daqueles pioneiros “inventores” da electricidade e da cadea de montaxe, en definitiva do capitalismo consumista.

No documental reflectíase unha historia simpática de elites e plebeos. Seica os dous inventores-industriais eran moi afeccionados a saír ao campo, como os pioneiros ou os Boy Scouts. Nestas xornadas de acampada acompañábanos case sempre o naturalista Luther Burbank e o  fabricante de rodas Firestone Harvey; tamén, sempre que podía, o presidente Harding.

Nunha desas viaxes campestres, en día de choiva, o coche meteuse en terreo lamacento e non había xeito de que saíse; o chofer dos magnates procurou axuda á que se brindou un granxeiro cun vello Ford T: Despois de sacar o coche da lama, Ford estreitoulle a man ao campesiño e díxolle: “supoño que non me coñece, pero son Henry Ford e fixen o coche que vostede conduce”. Firestone  saudouno tamén e engadiu: “E eu fixen os  pneumáticos”; o fabricante de rodas fixo de presentador  doutros dous viaxeiros e preguntoulle ao granxeiro: Coñece ao home que inventou a electricidade e a o Presidente dos Estados Unidos? Luther Burbank, o naturalista, foi o último en chocarlle  a man ao paisano; supoño que non me coñece ben?, preguntoulle. Pois non, repondeulle o plebeo ignorante, pero si é tan mentireiro coma eses outros non me estrañaría que me dixese que era Santa Claus.

Harding fixo unha campaña electoral baixo o lema “ Estados Unidos primeiro” e poñía fin á política internacional do presidente Wilson e os seus “dez puntos”. O seu breve mandato, faleceu ao terceiro ano, caracterizouse polo seu conservadorismo, o trato afable e non facerse moitos inimigos, facilidade para a industrialización, liberdade plena para o capital privado e redución da interferencia do estado nos asuntos económicos, xa se sabe o que quere dicir. Os seus conselleiros foron estes homes ilustres da industria. Nove anos despois da súa elección, o xoves negro, o luns negro e o martes negro daquel outubro de 1929 arrastraba a economía americana e a mundial á Gran Recesión.

Nun momento do documental, pregúntanlle a Edison, moi vello e xordo como unha tapia, que pensaba da teoría da relatividade. Respondeu que non podía opinar, porque non a entendía. Seguramente era sincero. Mais tamén a súa resposta era non só a dun home do século XIX. O inventor da electricidade e de centos de cousas máis tiña a mentalidade non dun científico senón dun pioneiro do capitalismo de consumo.

Aqueles célebres excursionistas eran homes “campechanos”, xente normal que ficaban coa boca aberta ante unha restra de letras e números, como nos ocorre á maior parte de nós que somos incapaces de pensar en conceptos como a relatividade ou a mecánica cuántica que os físicos son quen de poñer  nun encerado ou na pantalla dun ordenador porque ignoran a forma humana tradicional de pensar. A linguaxe matemática, a única universal, deu orixe a outra forma de escritura, na que a inmensa maioría nos perdemos, reducida a combinacións de 0 e 1.

Jobbs, Gates e os outros son, como Edison e Ford, os que tiran beneficios dos descubrimentos, ou mellor das intuicións, científicas.

Xoves, sete de decembro de 2017




Ningún comentario:

Publicar un comentario