martes, decembro 12, 2017

O xene lambón

Ilustración de Gustave Doré
Oe! mira cando podemos quedar para o primeiro cocido da tempada! O do xantar do traballo cando o facemos, venres ou sábado? Temos que quedar para despedir o ano, eh!. Tes que vir á cea da comisión de... A perspectiva é ameazadora: cea de noiteboa, xantar de Nadal, dúas ou tres despedidas entre amizades antes da pantagruélica cea de ano vello e do resacoso, pero obrigado, xantar de aninovo. Uns días de purgantes para aliviar e tomar forza, e ánimos, para afrontar a cea da noite de reis e o xantar correspondente previo á entrega dos agasallos. Uf!, empacha só pensalo.

Non hai que preocuparse, a mediados de xaneiro xa estaremos papando esaxeradamente para planificar o xantar do día de San Brais ou o de quen se nos ocorra. É sorprendente a capacidade que temos para engulir toda caste de alimentos doces e graxentos. Non só devoramos calorías en exceso senón que reloucamos con elas e as acompañamos con libacións diversas, seica para ilas baixando. E por riba, cando menos os instantes previos e, máis ou menos, a primeira hora de cada unha destas exhibicións deglutidoras, dedicámolos a rememorar as nosas fazañas en imitación do xigante imaxinado por Rabelais.

É sen dúbida un dos grandes enigmas do comportamento humano. Semella insuficiente a recorrida explicación da “función social” destes actos manducadores. Nese caso poderiamos resolvelos con inxestións controladas. Supoño que para a comprensión desta esaxeración depredadora de calorías que exercemos non só como humanos senón tamén como galegos, poden acaerlle ben os datos máis recentes que insinúan a vellez dos nosos devanceiros e que o xénero homo (Paradigma da Continuidade Paleolítica) estableceuse no noroeste peninsular procedente da África Oriental e non andou a dar voltas polo Oriente Medio e o Cáucaso para chegar á  Fisterra, senón que saíu dá Fisterra para alá.

Chanzas á parte e como andaba nos preparativos do que me (nos) agarda, batín cunha explicación no libro de Y. N. Harari (Sapiens, Debate, 2015) que cando menos é enxeñosa e provocadora como, por outra parte, o é o conxunto do libro, caracterizado pola súa audaz irreverencia, por outra banda máis doada se,como neste caso, as análises se fan a vista de paxaro do que se denomina macrohistoria.

Hariri faise a mesma pregunta: por que nos enchemos de comida sabendo que non lle facemos ningún ben ao noso corpo? E non lle atopa explicación sen recorrer aos hábitos alimentarios dos nosos devanceiros recolectores –cazadores.

Temos pois que imaxinar os nosos predecesores, por exemplo hai 30.000 anos, na sabana africana, con escasa comida e aínda menos doces con alto contido en calorías. Así que se un, ou unha “sapiens” atopaba unha figueira inzada de figos, máis ou menos doces, o máis sensato sería que papase os que puidese no mesmo momento, antes de que os paxaros ou os chimpancés deixasen a árbore pelada.

Ese instinto de fartarnos de comida de alto contido calórico está profundamente arraigado non nosos xenes. El chámalle o “xene lambón” e seria o que explicaría non só o plan devorador incesante que estamos a preparar senón a cara que se lle pon á xente papando copas de xeado na Gamela de Baiona, que os rapaces, e non tanto,  se degoren por unhas  hamburguesas con extra de queixo e finos liscos de bacon ou non poidan ver unha película sen pombiñas doces e un caldeiro de coca-cola.


Domingo,10 de decembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario