venres, decembro 15, 2017

De viaxes


As longas parrafeadas tras a sobremesa de copiosos xantares, ben regados, poden derivar polos lugares máis insospeitados, dende a tensa discusión impropia do momento ata o delirio da conversa caótica ou surrealista, pasando pola reflexión sisuda sobre a vida e a morte ata as consideracións axuizadas mantendo o ton de divertimento aquelado á circunstancia gastronómica.

Esoutro día nunha agradábel papatoria e cun frío, dirían os franceses que ía “un froid de canard”, nos poñeriámoslle o “de carallo”, que soa parecido. O ambiente xélido non animaba, en absoluto, a erguerse das cómodas cadeiras do cálido restaurante. Así as cousas, a cháchara prolongouse e foi dar ás grandes viaxes da historia.

Sospeito que chegou a eses lindes por mor da presenza entre nós dun mariño. Comezou, como non podía ser menos, pola chanza, ou non tanta, da orixe galega de Colón. Ben se sabe que na formación da mitoloxía identitaria os grandes persoeiros xogan un papel fulcral. Os galegos andamos escasos de mitos, a Pedro Pardo de Cela rabenáronlle o pescozo e Pedro Madruga foi derrotado e humillado ata o punto, din algúns, de que tivo que ocultar a súa personalidade nun incrible exercicio de transformismo histórico que parece que non temos que tomar tan a broma.

A conversa derivou polo que imaxinabamos, valentía, desesperación, engano... ou o que fose que impulsou a tripulación a subir a aquelas cáscaras de noz e arriscarse na viaxe. Nos motivos de Colón, todos coincidimos: a ambición. Como tamén coidabamos que na relación máis ou menos coñecida de tripulantes ten que haber algún galego ademais de Cristobal García Sarmiento e da Santa María.

A fazaña colombina é quizais a viaxe máis sonada da Historia, aínda que menos fermosa que a de Ulises, e, para ben e para mal, mudou o mundo. Esa transcendencia levou a Neil A. Amstrong, empregando o seu privilexio de nomear as naves, a chamarlle ao modulo de mando do Apolo 11 Columbia. Coincidimos os comensais en que esta sería a outra das grandes viaxes, que  aínda que non tivese o efecto fulminante  e transformador da de Colón foi, como exhibición científica e tecnolóxica, moi superior.

Imaxinabamos que era moi probábel que os medos e incertezas dos viaxeiros lunares fosen moito menos que as do cento e pico de tolitates que seguiron ao Almirante na primeira viaxe. Cando menos porque a excursión  que “It´s one small step for man, one giant leap for mankind”, en palabras de Amstrong, nunca estivo máis alá duns minutos fóra de control, durou unha semana, e os tres protagonistas, altamente preparados,  contaban co apoio técnico de centos de persoas e o económico e político do imperio protagonista de “este momento único na historia do mundo”, en palabras de Nixon, e dunha concepción científica xa na procura da divindade: “dende agora o  ceo forma parte do mundo dos homes”, díxolle o presidente norteamericano aos astronautas logo de deixar a súa pegada, millóns de veces reproducida, á beira das ríxidas barras con estrelas espetadas no chan luar.

Apuntei, unha terceira viaxe que a xenética nos anda a descubrir na actualidade. A da nosa especie saíndo do espazo afroasiático e expandíndose polo planeta, con algunha fazaña tan difícil de explicar como a de chegar a Australia, hai uns 45.000 anos,  lembremos que o doado poboamento de América situámolo entre 14.000 e 13.000 anos. Para a viaxe ás antípodas precisou desenvolver técnicas de navegación que descoñecemos para atravesar brazos de mar de máis de 100 quilómetros, asentarse no continente, expandirse polas demais illas e adaptarse a unha flora e a unha fauna descoñecidas.

Tamén, nas antípodas, houbo unha primeira pegada na area dunha praia, pero non foi fotografada.


Mércores, 13 de decembro de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario