Herminio
Ramos anotaba, en xullo de 1936, nunha especie de axenda inédita que intitulou
Efemérides baionesas:
“Día 24.-
Se presentan en este día tres camiones con fuerzas del Ejército, Asalto y
carabineros, en esta villa sosteniendo fuego con algunos revoltosos que desapoarecieron,
evaporandose. El vecindario aplaudió con gran regocijo a estas fuerzas, que se
llevaron para Vigo algunos prisioneros, entre ellos al célebre municipal
Urbaniño”.
Quen era o célebre municipal Urbaniño do que
fala o autor de Crónicas históricas de la villa de Bayona ? Tras o estudo da
causa militar 1.468 de 1937 emprendida contra el podemos dar algúns datos.
Urbano Rodríguez Barreiro, naceu o 12 de
abril de 1892, tiña pois, naquel infausto mes de xullo, 44 anos. Estaba casado,
tiña sete fillos, era natural e veciño
de Baiona, fillo de Urbano Rodríguez Heras e de Manuela Barreiro Penedo,
naturais os dous de Baiona. Neto por liña paterna de José Ramón Rodríguez e de
Purificación Penedo e por liña materna de José Barreiro e Concepción Penedo.
Nunca fora procesado. E efectivamente foi detido o 24 de xullo de 1936 polas
forzas de asalto e trasladado ao cárcere
de Vigo.
Era un daqueles “revoltosos”, como os
alcumou Herminio Ramos, que pagaron con anos de cárcere, co exilio ou coa vida
a defensa do réxime constitucional e democrático da II República española.
Foron moitos en Baiona os “revoltosos”. O estudo das causas militares contra
eles irá deitando luz polo miúdo e son moitas máis que esa especie de “causa xeral” contra os líderes democráticos,
de esquerdas ou sindicais que foi a 138/36 contra o alcalde, naquelas datas,
Agustín Villafines González e 22 veciños máis.
1. O atestado do cabo Pena
A causa número 1.468 do ano 1937, contra
Urbano Rodríguez Barreiro, iniciouse a
instancia do Comandante Militar de Vigo, o inefable Felipe Sánchez, alias “el
capillitas”, que remite ao Comandante do posto da Garda Civil de Baiona a orde
de que coa maior brevidade instrúa atestado contra o ex- garda municipal Urbano
Rodríguez Barreiro, que naquela altura, 10 de novembro de 1937, atopábase no
Hospital Municipal de Vigo en calidade de detido.
Sempre presto e dilixente o Cabo Manuel
González Pena, tres días despois, acompañado do “falanxista”, con esta
distinción aparece no atestado, Ramón Lojo Vieta, procedeu a interrogar a unha
serie de testemuñas.
Ao primeiro que lle tomaron declaración foi
ao Xefe da Garda Municipal de Baiona, Leonardo Fontenla Fontenla. Levaba, este
nativo das Neves e veciño de San Pedro da Ramallosa (Nigrán), uns tres anos
desempeñando o cargo de cabo e oito como garda municipal. Coñecía a Urbano
Rodríguez Barreiro dende había uns once anos,
cando Urbano era secretario da Sociedade Obreira da vila da que foi,
segundo el, un dos organizadores. Informa tamén que o Urbano, dende que se
proclamou a República, sempre andou mesturado entre as “masas” e ata
dirixíndoas, sendo un home de “instinto sempre revolucionario” e de “instintos malos”. O xefe dos municipais
sospeita que para que non seguise a “envelenar á clase obreira” lle deron o
posto de Garda, pero que nin con esas, e aínda que lle fixeron advertencias de
que deixase de facer propaganda e de
acompañarse de “certos elementos”, non fixo caso e só se coutaba un
pouco en función de quen estivese de alcalde. Mesmo, despois do triunfo da
Fronte Popular e como Urbano tiña moitas simpatías entre os concelleiros,
pretendeu abrirlle un expediente que non foi adiante mercé á intervención de
diversas persoas.
O Xefe da Garda Municipal informa que nos
días do “movemento subversivo contra o exército”, viu a Urbano cunha escopeta
ao lombo acompañando aos principais dirixentes, que desempeñaba cargos de
confianza destes, era un dos que sinalaba ás persoas de dereitas que poderían
ter armas e que, nos locais do concello, dedicouse a confeccionar bombas con
cartuchos de dinamita.
Como proba contundente indica que o primeiro
de maio de 1936, con motivo da manifestación organizada pola “canalla
marxista”, dirixiuse ao alcalde Manuel Godoy Agrelo preguntándolle que facía xa
que si continuaba presente na rúa podería ter un enfrontamento cos
manifestantes. O alcalde seica lle indicou que se retirase, e así o fixo (feito
este absolutamente negado polo alcalde Godoy Agrelo na súa declaración nesta
mesma causa), mais o Urbano non só non obedeceu senón que se uniu aos
manifestantes.
2. Os nervios a flor de pel. O día 24 na
cafetería “Las Colonias”
O cabo Pena e o falanxista Lojo Vieta
continuaron as súas indagacións e tomáronlle declaración a Ángel Rodal
Rodríguez, natural de Cangas e veciño de Baiona, que emite valoracións
semellantes ás do xefe da garda municipal sobre os instintos perversos e
revolucionarios do encartado. Máis o tal Rodal engade dúas novas informacións.
Por unha banda, afirma, que o Urbano, con motivo da manifestación do 1º de maio
de 1936, dedicouse a visitar varias casas da Porta da Vila animando ás mulleres
a participar na manifestación e a poñerse unha fita vermella e mesmo que
obrigou ao seu fillo Urbano a portar o brazalete e levar unha bandeira
vermella.
Ademais, engade, o día no que entraron as
forzas do exercito en Baiona, estando el na porta da cafetería “Las Colonias” e
dado que os “escopeteros” pretendían pechar o bar, dirixiuse ao dono do
establecemento dicíndolle que non tiña nin por que pechar nin por que escapar
que, pola contra, os que tiñan que fuxir eran os “escopeteros”. Foi nese
momento cando, despois de recibir un puñazo polas costas, sentiu que lle
apuntaban cunha pistola e viu que quen o facía era o Urbano, blasfemando
“contra o santo nome de deus” e berrando que aínda quedaban homes en Baiona. O
Rodal respondeulle que non se metese con el e entón o Urbano ameazouno de
morte. Mais como se estendera o rumor de que chegaban as tropas, o Urbano
gardou o revolver e marchou ao encontro destas que o detiveron nos primeiros
momentos por orde, segundo o Rodal, dun capitán aviador que veraneaba na vila e
coñecía ben os manexos do garda municipal.
O dono da cafetería, Emilio Bartelly Moreno,
de nacionalidade arxentina, ratifica, ante o Cabo Pena, punto por punto a
declaración de Ángel Rodal Rodríguez, como tamén o fai o armador Ulpiano Vilar
Ochoa quen aclara que Urbano: “dentro de los de su clase posee una cultura
relativa y buena facilidad de palabra por lo que en algunas ocasiones era quien
les dirigía la palabra”. Cómpre aclarar xa, que en posterior declaración
(25/11/37), ante o xuíz instrutor, o propietario da “Las Colonias” di que non
sabe se Urbano apuntou cunha pistola ao Rodal, xa que descoñece se levaba arma
ou non, así como que ignora a participación do Urbano nos días do movemento
agás no relativo ao incidente co Rodal.
Sobre a ideoloxía e actitude de Urbano
maniféstase tamén Antonio Marcote Rodolfo, empregado municipal, quen o
cualifica de “obcecado”. Manifesta que o viu montando garda cunha escopeta pero
que non o viu con dinamita aínda que sabe que a había no salón de plenos pero
que descoñece quen a levou ata alí.
Na mesma liña dos anteriores pronunciase o
industrial e ex alcalde Vicente Vázquez González. Manifesta que durante o seu
mandato expulsou ao “indeseable” Urbano e que foi coa proclamación da
República, sendo el alcalde, cando, de acordo con outras persoas de orde, e para
sacalo do posto de secretario da sociedade obreira e non continuase así
envelenado ás masas, lle deron o cargo de garda municipal. Entón o Urbano seica
se “suxeitou” un pouco pero co triunfo da “funesta” Fronte Popular volveu ás
andadas.
Afirma tamén que durante o movemento
revolucionario de 1934 dedicouse a protexer aos seus e que o viu armado e
acompañando aos dirixentes máis destacados durante os días do movemento contra
o glorioso exército. Remata a súa declaración ante o Cabo Pena dicindo que é “elemento
de instintos perversos y peligrosos, en especial para una España nueva”.
Perigoso para a “Nueva España” tamén o considera o notario, residente en Santa
Cristina da Ramallosa, Javier Alfaya Pérez, quen declara que foi o Urbano o que
o detivo, en compañía doutros, por orde do alcalde da Fronte Popular Agustín
Villafines González. E que, mentres os outros que o detiveron o trataron con
toda caste de consideracións non foi o caso do Urbano que non só non atendeu
aos seus razoamentos senón que o encheu de improperios e vexacións e que, unha
vez na casa do concello a onde o levaron, viu ao procesado entrar e saír, dar e
recibir ordes e nunha ocasión manipular dinamita, explosivo que había en
abundancia no salón de plenos.
Consideracións semellantes, sobre a
ideoloxía, carácter e actitude de Urbano, emite o secretario do concello de
Baiona, Joaquín Peralba Álvarez, natural de Gondomar, aínda que declara que
ignora se no salón de sesións se manipulou dinamita pois naqueles días non saíu
da secretaría, aínda que considera ao Urbano capaz diso xa que é un individuo
perigoso.
Pola súa banda o ex alcalde Manuel Godoy
Agrelo di que é certo que o Urbano andaba a paseos cos principais esquerdistas
e que efectivamente foi secretario da sociedade obreira pero que durante os
días do “movimiento” aínda que o viu en varias ocasións, non o viu portando
armas polo que non pode dicir se as levaba.
Que Urbano era de esquerdas tamén o di o
mariñeiro Francisco Leyenda Garvín ao tempo que manifesta que tivo un pequeno
barco de pesca, que se destruíu, chamado
“Trosky”, pero que non sabía o que significaba xa que quen lle puxera ese nome
fora o Urbano, que lle fixera o favor de presentar a solicitude na
Subdelegación de Pesca, xa que el non sabe ler nin escribir e que só lle pedira
que o nome fose curto para poder pintar as letras. Declara tamén que só viu a
Urbano cunha pistola durante os días do “movimiento” e que ignora todo o
demais.
Martes,
28 de novembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario