Hai algún tempo referímonos nestes retallos
a Telmo Freitas Lima, canteiro natural de Paredes de Coura, no Portugal veciño,
e residente en Panxón, encartado na causa 918/36 xunto con Manuel Miranda
González, Delfín Costas Soliño, José Millán Alonso, Manuel Narciso Pino,
Argentino Valverde Lago, Manuel e Ángel Leal. Daquela xa informabamos de que
estaban todos eles acusados de formar parte dun grupo de individuos armados que
practicaron rexistros en casas de persoas de orde, segundo o instrutor,
apoderándose de armas que nelas acharon e que despois repartiron no local do
Sindicato de San Pedro da Ramallosa aos afiliados do mesmo e a outros suxeitos,
dándolles a orde de resistirse ao exército cando este chegase e de que o 24 de
xullo atacaron, no Alto de Mallón, un automóbil no que viaxaba, con outros, o
Comandante Militar de Baiona, disparándolle varios tiros e botándolle bombas de
man, fuxindo cando o Comandante repeleu a agresión.
Dos encartados, catro foron condenados a
morte, executados o 29 de decembro de 1936 e soterrados no cemiterio de
Pereiró. Imos hoxe deitar algunha información sobre os tres compañeiros de
infortunio de Telmo Freitas.
Das actas de defunción incorporadas á causa
militar dedúcese que foron asasinados ás 11 da mañá do 29 de decembro de
1936.
• Gregorio Manuel Miranda González, 22 anos,
natural do Porriño, fillo de Gregorio e de Ramona, domiciliado en San Pedro da
Ramallosa, de profesión mariñeiro; solteiro.
• Delfín Costas Soliño, tiña tamén 22 anos, era
natural de San Pedro da Ramallosa e residía no barrio da Cabreira. Estaba
solteiro, de profesión labrego; fillo de José e Pura.
• José Millán Alonso. Natural de Tui e residente
en Nigrán. Canteiro. Casado, 27 anos,
fillo de Peregrina e Jesús.
O alférez médico de complemento do Rexemento
de infantería Mérida 36 foi designado polo Comandante Militar de Vigo para
asistir ao cumprimento da sentencia e recoñecer os cadáveres. O xuíz encargado
do rexistro e o secretario asinan a acta na que se recolle como causa da morte
“profunda hemorragia interna” e segundo “comunicación recibida” foron
soterrados no cemiterio de Pereiró, así como que a inscrición se practica por
carta-orde do Comandante Militar que instrúe a causa que non é outro que o
Comandante de Infantería retirado, Benito Otero Brage.
Os outros encartados na causa tiveron máis
fortuna:
• Manuel Narciso Pino de 27 anos, solteiro,
albanel, natural de Mallón e veciño da Cabreira, San Pedro da Ramallosa; fillo
de Ramona e Antonio. Condenado a reclusión perpetua.
• Argentino Valverde Lago de 22 anos, solteiro,
fillo de Carmen e Francisco, natural e veciño do barrio da Igrexa en San Pedro
da Ramallosa e de profesión labrego. Condenado a 15 anos de reclusión.Para os
dous fillos de Dolores, Manuel e Ángel, a causa foi sobresida. O primeiro tiña
25 anos, estaba solteiro e era mariñeiro. O segundo, máis novo, tiña 22 anos,
era labrego e estaba tamén solteiro. Ambos eran naturais e veciños do Souto de
San Pedro da Ramallosa.
Resumimos de xeito telegráfico os informes
do sempre presente Cabo Pena sobre algúns dos encartados. De José Millán Alonso
di que é de mala conduta e antecedentes e que xa estaba vixiado pola forza
pública e que o seu ideal era “comunista de acción”. De Delfín Costas Soliño,
informa o Pena que era de mala conduta e antecedentes e de filiación
socialista. De Argentino Valverde Lago, di que era socialista e de conduta e
antecedentes regulares. O mesmo afirma de Manuel Narciso Pino, aínda que aclara
que non era perigoso. Mentres, dos irmáns Leal, di que observaron boa
conduta ata que tomaron parte no
movemento subversivo contra o exército, aínda que pode considerarse que actuaron
coaccionados. Finalmente de Gregorio Manuel Miranda González di que era de
regular conduta e que tomou parte activa no movemento contra o exército, aínda
que non é dirixente pero si voluntario para executar os feitos.
Domingo,
3 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario