Imos
ter moito de que falar esta Noiteboa, díxome onte un bo amigo. A verdade é que non
me decataba de a que se refería. Nin ía
pasar a Noiteboa con el, nin sabía que
tivésemos tanto de que falar. Foron
precisas as explicacións pertinentes de cando un leva unha idea a fervellarlle na cabeza e coida que a
especie humana mellorou no dominio das súas enormes capacidades telepáticas ata
que caes na conta de que non, que o
amigo co que compartes lerias e vivencias anda con outras reviravoltas na
cachola.
E
logo, oh? Home xa sabes, cos cuñados, xenros, noras e curmáns temos unha ampla
axenda compartida para esta cea.
Fixemos
logo chanza das ceas familiares e dos xantares de Nadal. Por fortuna, é a única vez no ano no que a familia, ata a
ampliada cos temporais “in law”, que din os anglofalantes, se ten que divertir
xunta. Cando a idade retira do medio a rapazada que as fai ledas, corren o perigo de
converterse nun suplicio para quen non sexa moi falador ou non teña moitas ganas
de falar cos que as circunstancias xenéticas ou políticas obrigan a compartir
mesa.
Ás
veces mesmo se poden converter nun campo de
batalla dialéctico cando o contraste de pareceres, elevados de ton polo entusiasmo vinícola, desborda os racionais
lindes das opinións sobre o tempo, a boa cociña dos anfitrións ou as chanzas sobre os personaxes de
programas televisivos que ninguén olla pero que todos coñecen.
Se
a cousa se anima pode xurdir a fantasmal ameaza do debate, moi masculino, sobre opinións fortes. Iso era o
que me quería dicir o meu amigo. Que co programa apertado de acontecementos
previos, este ano non hai quen fuxa da tirapuxa, polo que cómpre controlar os
seus efectos; non vaia ser que xa non fique ninguén voluntario para trinchar o capón do xantar de
Nadal.
A
el preocúpalle o asunto xa que, por idade, non por sentido, ten que exercer
como de anfitrión e “pater familias”,
polo que non poderá baixar ao campo enlamado do debate que é o que lle gusta.
Cousa que ben sei que lle resultará imposíbel pero que saberá facer coa
elegancia que lle é propia.
Vexamos,
díxome, todo serio: o xoves eleccións en Cataluña, a cara de can; o venres
remoer os resultados; o sábado, á unha da tarde, en plan delirio, un Real
Madrid-Barcelona sen facer a dixestión do día anterior. O sábado, a media
tarde, o noso derby parroquial en
Riazor. Ao día seguinte a cea. E logo xantar. Hai quen dea máis?
Os
anfitrións, a rapazada, de habela, e as cociñeiras e cociñeiros van ter que
empregarse a fondo para evitar que se traspasen os lindes dos debates sobre Belén Esteban e Paquirrín e non entren
en xogo Ronaldo e Luís Suárez, Aspas e
Lucas Pérez ou Puigdemont e Rajoy.
Coidado
cos adolescentes incendiarios, díxome, pensando nalgún neto da súa corda.
Martes,
19 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario