Di
Ignatieff, que diso sabe, que o federalismo é só un xeito de compartir o poder
político entre os diferentes pobos dun estado. Digo que sabe pois é un
federalista convencido, exerceu como político durante anos, mesmo á fronte do
Partido Liberal, é identificado co
discurso político de quen foi o seu líder
máis destacado, Pierre Trudeau, primeiro ministro do Canadá durante case tres
lustros. Por certo pai do actual primeiro ministro, sucesor de Ignatieff no liderado
do Partido Liberal.
Pierre
Trudeau era un firme defensor do federalismo
e tiña unha visión do Canadá como un estado máis que como unha suma de
territorios. Para esta forma de entender o Canadá o nacionalismo quebequés era
un impedimento. Pierre Trudeau tivo un papel sobranceiro na derrota da proposta
francófona no referendo de 1980. Ignatieff comparte esta visión federalista
baseada no bilingüismo e no multiculturalismo; Trudeau foi o impulsor da
oficialidade do francés e do inglés así como da denominada Carta Canadense dos
Dereitos e das Liberdades.
Ignatieff
considera que non é preciso ter un estado propio para autodeterminarse e que os
pobos que comparten certas tradicións, proximidade xeográfica e un mesmo espazo
económico poden poñerse de acordo en compartir un mesmo estado compatible cun
importante grao de autogoberno en cuestións esenciais para a identidade dos
seus pobos na procura de conciliar o principio da etnicidade, os pobos queren
ser gobernados en por si, e o do civismo, os que son de fóra teñen que poder
vivir en igualdade. O federalismo é, para os liberais canadenses, a antítese do nacionalismo.
Mais
o federalismo ten serias dificultades para consolidarse no Canadá. En 1995 tiveron que realizar un
segundo referendo; o SI, favorable a continuar no Canadá, gañou por pouco máis
de 50.000 votos entre case catro millóns oitocentos mil votantes.
Se
o federalismo non pode funcionar en Canadá, recoñece Iganatieff, é moi probable
que non poida facelo en ningún outro sitio. Engade, o problema principal da
federación canadense é que, dende sempre, os quebequeses identifican Quebec
como a súa nación e Canadá como o seu estado; mentres que os anglófonos
identifican o Canadá como a súa nación e como o seu estado. Esta confusa
identificación intencionada entre nación e estado lastra o federalismo. Por iso
ten tantas dificultades, porque unha das partes non só non se recoñece como
nación senón que nega, na práctica, a existencia da outra. Xa que logo a nación
que non é recoñecida en igualdade tenderá a constituírse en estado en canto
poida.
Se
hai dificultades no caso canadense, no español o federalismo é unha quimera. De
feito nunca existiu como proxecto político de estado; porque nunca se considerou antagónico co
nacionalismo español (de matriz castelá) do que non recoñece nin a súa
existencia. Os nacionalistas só son ou outros, nós non pecamos dese vicio
irracional!.
En
España, escribín neste mesmo blog hai tempo, “o federalismo de inspiración
liberal-progresista ou de esquerdas non foi nunca máis alá de ser un conto de
fadas, unha fantástica lenda para engaiolar periferias”.
Mércores,
27 de setembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario