Todos
sabiamos que ao final tería que intervir Langley. Non pensen que a misión era
unha encerellada de espías, contraespías e espías dobres, nin sequera se
trataba de desentrañar o asasinato de
tal ou cal dirixente político, xuíz,
fiscal ou investigador da corrupción en España; nin atopar datos que puidesen danar
a imaxe de Castro, o pequeno, de Maduro ou Lula, Cristina Fernández ou Morales
e moito menos descubrir alianzas soterradas, cambiantes, mutantes cada minuto
no marco incendiario do Oriente Medio, con todas as potencias facendo o seu
xogo, movendo peóns e sen preocuparse das baixas.
Non.
A misión era ben máis complexa. Aclarar a orixe do natalicio columbino que
ameazaba con provocar un conflito a grande escala entre as distintas potencias
que se reclaman sede de tan ilustre nacenza. O mando de Virxinia entrou en
serias dúbidas. En inicio escolleu un compañeiro de Carrie Mathison, da escola de Saúl Berenson, pero a
súa afección a resolver as misións a golpe de gatillo fixérono caer da lista.
Ao
final o encargo caeu en mans de Peter
Dickinson , un analista político-militar especializado na proliferación de
armas nucleares; suponse, aínda que nisto a axencia é moi discreta, que un
axente queimado en diversas misión de espionaxe en Irán e Corea do Norte. O
caso é que o ex, ou aínda segue a ser?, ben se sabe que, na verdade, da axencia
nunca ninguén sae de todo, queimou pestanas e ollos relendo cartapacios nos
baixos da biblioteca do Congreso en Washington DF ata chegar a dúas luminosas
conclusións. Que o tal Cristovo non era pobre e politicamente tan correcto como para poder
definilo como un “mestizo mediterráneo cultural”. Que manda nabo. Probablemente
tivese unhas doses de xudeu, outras de árabe, quizais; unhas cantas de cristián
vello e outras tantas de magrebí converso a non se sabe cal das tres relixións.
Sobre
o lugar exacto, non deu precisado, como no caso do seu coetáneo Alonso Quijano
que viñera ao mundo “En un lugar de la Mancha, de cuyo nombre no quiero
acordarme...”, tamén o célebre Colón “puido nacer nun indeterminado lugar entre
Savona e Mónaco”. Segundo o exanalista da CIA puido ser un “cidadán da
república xenovesa, sen ser un italiano monocultural”. Vaiche boa, senón sería
outro vez un fenómeno, descubrindo Italia trescentos e pico anos denantes de
nacer.
Nas
dúas décadas que o señor Dickinson dedicou ao estudo de tan fundamental
cuestión puido chegar á conclusión de que o descubridor dos territorios
usurpados polos europeos de variada caste tras xenocidios diversos non falaba
italiano, tampouco era o castelán a súa lingua materna como demostrou Menéndez
Pidal; non era o fillo dun descoñecido tecedor, por incompatibilidade manifesta
para emparentar coa aristócrata
portuguesa Felipa Moniz. Imos así contentando a todos, non falaba italiano,
pero podía ser dun anaco do que hoxe é Italia ou tamén dun territorio case francés,
ou historicamente francés, casado cunha portuguesa e ao servizo de Castela.
Neste
xogo quedan fóra os cataláns que apostaron forte pola vía do ADN. O Centre
d´Estudis Colombins do Òmnium Cultural de Barcelona encargoulle ao xenetista
José Antonio Lorente, do Departamento de Medicina Legal da Universidade de
Granada, o estudo comparado do ADN de 225 homes apelidados Colom e 113 Colombos
italianos co do fillo do almirante, Hernado Colón que está soterrado en
Sevilla, no sur de España, aclara algunha axencia de prensa.
O
analista da CIA fai as súas inconcretas afirmacións baseándose nos estudos
xenealóxicos que considera máis seguros que os xenéticos.
A
verdade é que non dou entendido moi ben esta lea na que se meteu a CIA, os
italianos, os franceses, os cataláns, os portugueses, sen esquecernos dos
andaluces que reclaman Sevilla como berce colombino, os casteláns que din que
era de Guadalajara, os estremeños que afirman que foi Plasencia onde viu a
primeira luz, os vascos tamén o reclaman, os gregos, os ingleses, os corsos, os
sardos, os noruegueses e os croatas e ao mellor esquézome dalgunha outra
reclamación.
Dígoo
porque todos sabemos que a casa de Colón está en Poio, en Portosanto, preto das
salinas, fronte á Moureira pontevedresa,
na parroquia de San Salvador, que para iso lle puxo o seu nome ao primeiro
lugar no que atracou. É ben doado de chegar
seguindo os letreiros indicadores. Para que imos andar a discutir por algo que
todos sabemos.
O
que si me chamou a atención é que os cataláns argúen que Colón dicía
catalanadas como por exemplo “todo de golpe”, seica adaptación de ”tot d`un
cop”; ou “todo arreo”, que seica é a versión colombina de “per tot arreu”.
Ben...
pois será.
Xoves,
28 de decembro de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario