Deixamos
a vila de Baiona fervendo polo asalto da partida do Guillade e polas as críticas ante a actitude do
Gobernador de Monterreal que non se fixeron agardar.Comentábase que só se
preocupara de ordenar aos soldados da dotación da fortaleza que protexesen a
súa casa. Ao día seguinte organizouse unha partida de veciños armados para
perseguir os bandoleiros. Cando anoitecía coidaron ver uns vultos que se movían
e dispararon sobre eles. Era un rabaño de ovellas. O resultado, cinco ou seis
cabritos mortos. Mentres, ao único que prenderon foi ao Chímpoas, que como era
home honrado deixárono en liberdade.
Era
o mesmo Guillade quen asaltou Baiona en xuño de 1820 e o xefe carlista que
acadou sona entre 1833 e 1838? Segundo Herminio Ramos non, xa que o primeiro
era natural de Tomiño e foi morto por un seu sobriño que lle tallou o pescozo,
mentres que o carlista morreu, como xa dixemos, entre Refoxos (Cortegada) e
Escudeiros (Ramirás).
Ora
ben, as confusións son doadas cando non temos datos fidedignos. Nos primeiros
meses de 1820 triunfa a revolta liberal, encabezada por Rafael del Riego en
Cabezas de San Juan e consolidada pola sublevación da Coruña, comandada polo
coronel Acevedo, que rendía deste xeito homenaxe ao mozo Porlier, aforcado
cinco anos antes. O período no que se restaura a Constitución de 1812, abolida
por Fernando VII, foi breve, dende 1820 ata 1823, ano no que o exército francés
dos Cen Mil Fillos de San Luís invaden España e restauran o absolutismo.
Nos
primeiros meses do réxime constitucional houbo resposta armada dos absolutistas
na zona do Baixo Miño, polo que non tería nada de estraño que a gavela que
asaltou Baiona en 1820 fose unha partida absolutista comandada polo mesmo
Guillade, que pasados algúns anos se converteu nun dos xefes carlistas máis
prestixiosos.
Nesta
posibilidade podemos insistir se temos en conta algúns datos fornecidos polo
mesmo Herminio Ramos na obra citada, na que transcribe diversos documentos do
Arquivo Municipal de Baiona. Como
dixemos, outras casas asaltadas pola gavela foron a de José Ramos e a de
Vicente Soto. Cómpre engadir que ámbolos dous
eran membros do goberno municipal de carácter constitucional. Mesmo o
tal José Ramos debía ser un furibundo antiabsolutista, xa que ao día seguinte
do ataque dos bandoleiros, cando formaba parte dunha patrulla de vixilancia
nocturna, tentou agredir coa baioneta, despois dunha forte discusión, a Bernardo
Barreiro, coñecido polas súas ideas contrarias, e, en 1823, ao pouco de
restablecerse o absolutismo, foi detido por pasear polas rúas da vila cun sabre
militar en provocativa actitude. Tamén podemos decatarnos de que o gobernador
de Baiona, tan criticado polos veciños no momento do asalto do Guillade, era o
Capitán de navío Domingo Serondo, quen uns meses antes se resistira, en
repetidas ocasións, a proclamar a Constitución. Era, polo tanto, o citado
gobernador un recalcitrante absolutista. O mesmo que o tal Guillade? sería a
pregunta.
Venres, 25 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario