martes, agosto 08, 2017

Dúas xeracións

Foto: Xoaquín/Libraida
Dende hai algúns meses acudo, sempre que podo, á  convocatoria de lectura popular que argallan en comandita a libraría Libraida e a taparía A Galiña do Ardora, unha ben preto da outra e engarzadas pola homenaxe que lle ergueu Alfonso Soliño ao Casares de Xinzo que vivía en Vilariño.

Seguro que xa contei o procedemento: primeiro coméntase un título casariano na libraría e despois lense 10 tiriñas de “Á marxe” mentres se degusta unha tapa que quere facer unha recensión gastronómica do título comentado; reto ben complicado por certo.

O caso é que os pertinaces organizadores convencen a dez persoas cada mes; polo que xa van alá varias decenas de lectoras de diferente idade e condición. Loxicamente hai persoas que len ben e outras non tanto; unhas logran transmitir o sorriso que pretendía, normalmente, Casares coa tiriña e outras non acadan, co mesmo tino, o punto axeitado; unhas posúen unha amplificación no peito e unha potencia na gorxa que permite que a súa voz se superpoña aos ruídos da taparía e mesmo os acalen, outras carecen dun aparato fonador potente.

De por parte, notei unha diferenza xeracional, seguramente percepción subxectiva en exceso. Dáme a impresión de que as persoas da miña quinta, quinquenio arriba, quinquenio abaixo, temos unha rixidez declamatoria que nos obriga a, por exemplo, erguer a cabeza ao ler, atender sobre todo a dicir o texto, pronunciar ben cada sílaba, coa entoación axeitada, dicir alto e claro, ler como se fósemos actores de teatro, declamando con precisión o texto seleccionado como faciamos co “Con diez cañones por banda” que portaba o “Temido” ou “Una tarde parda y fría de invierno. Los colegiales estudian. Monotonía de lluvia tras los cristales”.

Pola contra a xeración nova, poñamos entre menos de vinte e un pouco máis de corenta, tenden a interpretar como se fosen actores de cine, en curto, en primeiro plano, xesticulan, pestanexan, abren os ollos,  encrequénanos, axúdanse coas mans na súa interpretación, preocúpanse menos da precisión lectora e máis da transmisión do seu contido, de dotar de vida o  que len-representan. Teñen unha cultura profundamente visual. Ao meu ver serían, as primeiras, xentes de libro. As segundas de imaxe.

Ora ben, ao mellor a diferenza está simplemente nos anos.

Luns, 7 de agosto de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario