Cabeza de Henrique IV (e) e Cromwell (d) |
Lemos
en Otero Pedrayo: “O cadáver de Guillade, (...), foi levado de Refoxos a
Celanova e por orden do Marqués de Astaríz a Ourense. Na capital foi esposto na
Horta do Concello, como se facía cos bandidos mortos e axusticiados. A cabeza
foi curtada e posta no Polvorín no triste campo onde houbo enforcamentos e que
deica os primeiros anos do noso século (refírese ao XX) tivo medoña sona”.
Xa
dixemos que foi o 15 de agosto de 1838 cando mataron a Mateo Guillade. Estaba
morto e ben morto, que necesidade había de rabenarlle o pescozo?.
Se
a razón de tal vingativa brutalidade era atemorizar os seguidores da “Causa”, como di Otero: “Foi
grande a alegría aínda que a morte de Guillade non resolvía ren esencial”. Constataríase
coas posteriores carlistadas. Se a brutalidade era por mera vinganza non
deixaba de ser máis que unha inútil estupidez froito da maldade humana.
Di
Otero: “O 17 de agosto a aita di que foi idea do Marqués de Astaríz, coronel de
Monterrei, o do decolamento do pobre cadáver”. O 16 de agosto era festa, San
Roque, “acordouse iluminación, repique de campáns, saída de xigantes e gueiteiros
deica as once da noite”. Infórmanos don Ramón que a acta: “Rexistra como o xefe
político dispuxo que as autoridás saíran a agardar as forzas de Monterrei”, e
que “Os ediles concordan que sexa o “oficial púbrico” que o faga (cortarlle o
pescozo ao cadáver) e piden os instrumentos precisos ó ciruxán do Hospital don
Manuel Conde. Houbo banquete e discursos”. Como xa dixemos, unha vez degolado o
cadáver a cabeza ficou nun gancho no Polvorín, onde se facían os enforcamentos.
Non
deixa de sinalar Otero que a Academia de Medicina ergueu protesta, pero non
pola brutalidade senón por considerar “rebaixamento o emprego pra aquel caso
dos instromentos quirúxicos”. Ao mellor non se atrevían a protestar por máis.
Onte
falamos dos avatares da testa coroada de Henrique IV, exhumada nos fervores
revolucionarios que pretendían castigar a aristocracia ata no cemiterio, que,
na actualidade, agarda a ser de novo inhumada. Falabamos da estupidez vingadora
do “bon roi” cando mandou descuartizar,
queimar e tirar ao río as cinzas do asasino do seu predecesor para eliminar
todos os átomos da súa memoria.
O
mesmo que ao probe cadáver de Guillade fixéronlle ao de Cromwell. Os
monárquicos ingleses coincidían cos republicanos franceses na estupidez
vingadora e coidaban que era imprescindible castigar o rexicida ata despois de morto. Fose un
libertador, un ditador, un sanguinario martelo de herexes católicos, é dicir
irlandeses e escoceses, ou simplemente un home contraditorio, levantar do
cadaleito o seu corpo en descomposición, penduralo na forca ata o anoitecer,
decapitalo, soterralo baixo o cadafalso e expoñer a súa cabeza, espetada nun
pau, diante da abadía de Westminster durante un cuarto de século, semella non
só unha absurda inutilidade, senón unha exhibición da maldade humana e da súa
característica máis sobranceira: a estupidez.
A
cabeza real e a do lord protector andaron dando tombos durante catrocentos anos.
Xa dixemos que a do rei de Navarra agarda en mans dos lexitimistas franceses permiso
para a inhumar en Saint Denis; a de Cromwell conseguiu que a botasen baixo
terra en 1960, nada máis e nada menos!
Nada
sabemos do que pasou coa cabeza rabenada do noso Guillade. Segundo Otero era
natural do Baixo Miño e estudara no Seminario de Tui. De estupidez, maldade e
grandezas heroicas todas as nacións andan á par. A nosa, aínda que negada,
tamén.
Martes,29 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario