Ademais
de papar a mosca teño como segundo pracer poñer a orella. A verdade é que
tampouco se precisa moito esforzo, entre nós o amplificador vén de serie. Así
que un vasiño de zume, un café con leite grande, un anaquiño de lambonada e a colocar
o pavillón auditivo mentres fago que leo o xornal.
Chega
un segundo corentón. Algo suado, por suposto en roupa deportiva; como o que
agardaba por el xa co café pimplado. Ambos semellan acomodados. Aos dous
notáselles que rebordan éxito, seguridade, triunfadores, homes de empresa, de mundo...
non máis que empregados, pola zona de residencia, pero dun certo nivel. Téñense
por novos, dos que miden os anos polo tamaño da barriga. Corte de cabelo
coidado, afeitados, amosan a súa modernidade, un cunhas letras que semellan
chinesas, e serán, a altura do xemelgo externo da perna dereita, inscritos en
vertical; o outro cunhas letras góticas que arremedan un nome breve, ao mellor
de muller, no bíceps esquerdo e que se albiscan por debaixo da manga da
camiseta deportiva. Deduzo que un debe ser destro e o outro manicho. No físico,
no das ideas véselle que comungan.
O
que agardaba, entre os tres ou catro exemplares da prensa libre e independente,
escolleu o Marca. Nótase que son xente lida. Por suposto, non é preciso
sinalalo, pero un que é un repugnante faino, exprésanse na fermosa lingua
impropia do impaís.
- - Que se fodan os cataláns!!!
- - Si pero con 222 millóns pódense reforzar
- - Que va oh! Vanse poñer nerviosos e van fichar ao tun tun, como cando lle metemos a de Figo
- - Agardemos, mentres... nós a facer caixa e co mellor equipo do mundo. Este Flo é un fenómeno, que tío! Colocoulle ao James ao Bayer para que lle pague a ficha e apañou 80 millóns por Morata
- - Boh, ao tío tampouco lle vai mal con nove millóns libres de po e palla ao ano
- - Xa. Deixa..., o que dicías, que se fodan os cataláns. Xogoulla o catarí. Ten cartos coma area. E agora o Mbappé por tantos como Neymar. Que tío!
- - Cala que ao mellor aínda o traemos nós. Un crío de 19 anos con vinte millóns ao ano!
- - O que che dicía, que se fodan os cataláns. Non queren a independencia, pois que xoguen entre eles e sen o brasileiro. Están acabados, que aprendan a respectar
- - Din que é unha manobra para desanimalos co do referendo ese
- - Pois non che diría eu que non. Este Flo é moito. Ademais os Borbóns e os árabes sempre foron amigos; non ves que veñen veranear a España.
- - Oe, e non che preocupa que tantos millóns poidan producir unha burbulla como a inmobiliaria
- - Que va. Mentres haxa televisión e se vendan camisetas todo vai ben. Se o saberá Flo
- - Xa. Ben, a cousa vainos ben
Debe
estar a piques de comezar o choio ese do fútbol.
Venres, 11 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario