Morgadáns
non é só a parroquia máis extensa do concello de Gondomar,mesmo durante moito
tempo a máis poboada, senón tamén a cabezalla do Val. Tivo sempre unha
identidade propia, por iso é unha das nove Entidades Menores ou pedanías do
noso país: Arcos da Condesa (Caldas de Reis), Bembrive (Vigo, antes Lavadores),
Camposancos (A Guarda), Chenlo (O Porriño), Pazos de Reis (Tui), Queimadelos e
Vilasobroso (ambas de Mondariz); nas terras do ribeiro do Avia fica Berán,
agora do concello de Leiro aínda que antes pertencera a Beade).
Cando foi a
primeira división municipal, en 1820, coa revolución liberal, Morgadáns foi
concello durante os tres escasos anos que durou o réxime liberal. Na
distribución municipal de 1836 quedou integrada en Gondomar, mais a veciñanza pretendeu
recuperar o estatus perdido e o 28 de xaneiro de 1844 os veciños das parroquias
de Chaín e Morgadáns solicitaron a segregación de Gondomar e a constitución dun
novo concello con capital en San Roque. Argüían que tiña 300 veciños (isto é
sobre 1.200 persoas) que sumados aos 140 de Chaín eran suficientes, e ademais a
capital do concello quedáballes moi afastada. A proposta non se tivo en
consideración.
A
petición dos veciños, a Entidade Local de Morgadáns ficou constituída por resolución do concello o
20 de maio de 1932. Mais non funcionou como tal ata xullo de 1955. Hoxe os
tempos non parecen aconsellar segregacións administrativas, quizais o máis
axeitado sexa todo o contrario, mais na estela histórica do galeguismo non
deberiamos deixar de reclamar, e concretar, que as parroquias conten con
competencias xurídicas, institucións axeitadas, e os recursos precisos, moitos máis dos que ten na actualidade a
Entidade Local.
Onte, sábado, foi festa en Morgadáns, na
honra da Nosa Señora do Libramento. Ben se sabe que nestas vellas terras de
Turonio as xentes son moi avogosas das virxes do bo parto.
Mais
ese día, uns cantos espíritos laicos, científicos e enxebres acudimos ao
convite xeneroso de Fernando e Ita no seu fermoso recuncho,nos Padróns, na
vella casa labrega restaurada e embelecida polas súas sensibles mans durante
dúas décadas. Acudimos gozosos ao seu chamado a mesa posta, lume manso e viños entremesturados para que
as horas fosen fuxindo en camaradería e fraternidade mentres as conversas non
eran quen de arranxar o mundo pero si de deixálo ben encamiñado.
Cando
o sol se anicaba por tras das Cíes fómonos despedindo, coma sempre aos poucos,
co compromiso de repetir o ano que vén.
Por ningún de nós ha quedar. Foi unha tarde agradable.
Domingo, 30 de xullo de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario