domingo, agosto 13, 2017

Medo

O berro. Edvard Munch (1893)
 Óleo, témpera e pastel sobre cartón. 91×74
Galería Nacional de Oslo
No seu club de golf. Traxe negro, camisa branca, garabata vermella, pelo de rata,  infantil enfado de brazos cruzados, xesto displicente, torta mirada torba, ameazante xesto bucal, dentes afiados : “Enfrontaranse cun lume, unha furia e unha forza, francamente, nunca vistos neste mundo”. Moi sensatas non semellan estas palabras emitidas polo responsable da máxima potencia militar.

Do outro lado, unha muller verde ou rosa, un home negro, refírome aos vestidos, cara de enfado eterno, xestos de berregarlle a quen respire dicindo cousas que non entendo;  a cada pouco imaxes dun rapazolo que debeu papar moitos bollycaos, luxoso traxe de aparencia estoica e corte maoísta, actual e innovador corte de cabelo coa metade inferior da cabeza rasurada e na superior empoleirada unha ensaimada negra enzoufada en brillantina. Ás costas e a prudente distancia,  uns señores maiores uniformados, co peito apoucado ante tanta medalla, cubertos con estrafalarios quepis ou gorras de prato. A voz enfadada infórmanos de que cando queiran poden lanzar catro mísiles Hwasong-12 que sobrevoarían as prefecturas xaponesas de Shimane, Hiroshima (amour, letra de  Marguerite Duras, ollo de Alain Resnais; horror de Little Boy, Enola Gay e Truman) e Kochi que percorrerán 3.356,7 quilómetros en 1.065 segundos para bater a uns 30 ou 40 km. de Guam, anaco daquel desastre español causante, din,  da permanente crise intelectual de España.

O máis estridente dos emperadores desde Calígula e o máis estrafalario dos réximes gobernado por un personaxe das pelis de James Bond andan a xogar co quen é máis valente e co  medo da xente. O meu fillo vive na capital da vella Formosa e un non deixa de pensar que, sendo o máis posible que non pase nada, non é grato sentirse permanentemente ameazado.

Que quere Corea? Falar de colega a colega co imperio mentres non lle cheguen os mísiles ao continente.  A cousa non é unha broma, unha guerra nuclear non é un chiste, aínda que vaian de farol. As armas cárgaas os demo, di o refraneiro.

É evidente que non estamos na crise cubana de 1962. Non hai forzas nucleares equiparables. Mais quen sería Kennedy e quen Kruxev para chegar a un acordo do que todos saísen vencedores?.

Pola contra aquí temos a un Trump que conseguiu caerlle mal a todo o mundo, mesmo ameazado pola posibilidade dun “ impeachment” e caracterizado por decidir dependendo de onde veña o vento. En fronte un réxime que durante máis de medio século non houbo quen dese feito bo del, nin con aloumiños, nin con ameazas. Agardar por un estoupido interno é simplemente admitir que o problema vai continuar.

Ora ben, medo dan!

Xoves, 10 de agosto de 2017


Ningún comentario:

Publicar un comentario