mércores, agosto 16, 2017

A máscara de ferro e a Torre do Príncipe II

O elemento arquitectónico máis antigo da fortaleza do Monte do Boi de Baiona é, sen dúbida, o coñecido como Torre do Príncipe, situado na entrada do porto, mirando cara ao mar.  As informacións máis recuadas no tempo sobre esta construción fornécenolas Herminio Ramos na súa Crónicas históricas de la villa de Bayona, publicación na que reproduce unha carta do rei Afonso XI, asinada en Mérida a 26 de decembro de 1375, na que concede á Vila de Baiona un pedreiro para erguer unha torre no lugar que lle chaman de Monte do Boi, por onde entrou a frota do rei de Portugal, e evitar deste xeito que a vila quede erma e despoboada e a rouben ou queimen.

No comezo tivo pois unha función defensiva, aínda que a cotío era máis empregada como atalaia ou torre de vixía. Tanto para escudriñar no amplo mar a chegada de hipotéticos navíos inimigos (nalgúns tempos esta función tivo unha importancia salientábel) como, sobre todo, para guiar os barcos na súa entrada na enseada de Baiona. Tanto para un como para outro labor queimábanse toxos, facendo un facho que servía de sinal xunto cos de Cabo Silleiro e Monteferro. Os navegantes orientábanse e podían eludir os perigosos baixos da entrada do porto baionés.

Pouco debe quedar da primitiva traza ordenada por Afonso XI . Sabemos que en 1563 se realizaron obras na Torre, mudanzas de seguro substanciais xa que son os anos nos que a fortaleza se consolida como estrutura militar e defensiva. Non remataron daquela, nin moito menos, as alteracións na Torre, xa que cando o Marqués do Pazo da Mercé mercou a fortaleza, en 1875, mandouna reconstruír pois seica estaba medio derruída. Esta última intervención, a que hoxe podemos contemplar, transformou substancialmente a fasquía primitiva. É evidente que a fábrica máis antiga é a base circular, o resto foi engadido nas dúas reformas que citamos.

Non é máis que unha lenda perdida no tempo, sen datos concretos e estendida por outros moitos lugares. Mesmo deu lugar a elaboracións literarias de éxito, como a novela de Alexandre Dumas, pai, última da serie sobre os mosqueteiros, titulada O vizconde de Bragelonne, na que a historia do príncipe encarcerado ten un  papel secundario.

Sería no cinema onde a lenda do herdeiro coa carauta de ferro acadaría máis éxito. Ata 39 versións se fixeron deste fragmento da obra de Dumas. A primeira en 1929 con Douglas Fairbanks como protagonista; logo viría, xa sonora, a interpretada por Peter Cushing e dirixida por James Whale en 1939; despois moitas outras, ata chegar á última, que baixo as ordes de Randal Wallance presentábanos uns vellos e estupendos mosqueteiros interpretados por Jeremy Irons, John Malkovich, Gérard Depardieu e Gabriel Byrne e con Leonardo di Caprio no rol do príncipe preso.

Ademais da coñecida elaboración literaria de Dumas houbo outras. Xa que isto foi o que fixo José Mª Castroviejo en colaboración con Alvaro Cunqueiro na súa Galicia: Guía espiritual de una tierra, publicada en Madrid en 1960. Neste libro Castroviejo, levado pola súa erudición e desbordante imaxinación, identifica o  príncipe oculto tras a máscara de ferro e as portas da Torre de Monte do Boi cun “príncipe austríaco”. Castroviejo detense aí. Agora ben, hai quen, como Carmen Debén, autora dunha guía do Parador de Baiona, chega a afirmar que o príncipe non era outro que don Carlos, primoxénito de Filipe II.

Aquel estraño príncipe, quen tanto desgustos lle causou ao seu “augusto” e din que “prudente” pai, era fillo de dona María Manuel, a filla de Xoán III de Portugal, quen morrería aos catro días do  parto. Carlos chegaría  a ser recoñecido como herdeiro polas Cortes de Castela, reunidas en Toledo en 1560. De conduta escandalosa, non moi cordo aínda que ambicioso dabondo, chegou a proclamarse Rei dos Países Baixos e de Sicilia, mesmo a pretender matrimonio coa raíña María Estuardo e a cruzarse no camiño do sentimento real ao contemplar á terceira esposa de Filipe II, Isabel de Valois, máis coma unha amante que coma unha madrasta. A cousa foi que o díscolo, apaixonado e escaso de luces don Carlos faleceu sobre 1565 en circunstancias aínda hoxe escuras, logo de que o seu pai o mandase recluír.

Vincular a don Carlos co príncipe da máscara de ferro da Torre do Príncipe de Monte do Boi non é máis que unha fermosa elaboración dunha imaxinación culta que xa chegou aos papeis, que terman do que lle poñen. Non esquezamos que na traxedia ambiciosa e atolada deste príncipe baséase gran parte da “lenda negra” dos Austrias e nela inspirouse Schiller para compoñer ese gran drama sobre a amizade, as ideas políticas e as decisións históricas que titulou Don Carlos. Anos máis tarde o gran Verdi retomaría o tema para a célebre ópera do mesmo título.


Mércores, 16 de agosto de 2017

Ningún comentario:

Publicar un comentario