sábado, agosto 12, 2017

Fornelos wake-club

Refire Mazower na súa La Europa Negra (Barlín Libros, 2017) que “ Las matriculaciones de alumnos para clases de alemán en la escuela Berlitz de París pasaron de 939 en 1939 a 7.920 dos años más tarde; las de clases de inglés cayeron en picado”. As xentes sempre tiveron un sentido especial para percibir o que vai en ascenso e o que decae; aínda que o tempo poida mudar as direccións.

Onte no paseo vespertino, ollei un Vitrasa, é como lles chaman en Vigo aos autobuses urbanos, que amosaba na súa traseira un cartel anunciante dun, ata ese momento, para min descoñecido Fornelos wake-club que ía acompañado de imaxes de auga, dunha moza en actitude acuático-deportivo e algunha outra que non me deu tempo a procesar.

Sorprendeume. Tentei razoar o asunto. O de Fornelos, sería por Fornelos de Montes?, ao mellor. O de club, de vella importación, xa sei... pero o de wake, a que fai referencia? A miña absoluta ignorancia nesta caste de latín deturpado que é o inglés que se fala nos diversos territorios do imperio mundial, xogábame unha mala pasada.

Un tivo a desgraza de, cando rapaz, tocarlle o franquismo restaurador dos Borbóns e xa que logo o francés como lingua estranxeira de prestixio. Daquela o galego non era nin estranxeiro, nin existía (nas aulas). Se fose un anglófilo portugués tocaríame a lingua protectora, e se estudase filosofía, descompoñería en anacos as verbas alemás.

Agora a filosofía quérena converter nunha palabra que se diga, de cando en vez, nos institutos, e o francés ficou en “charmé” diplomático ou asunto de intelectual aburrido. O certo é que nin a filosofía nin o francés son precisos para consumir; para isto cantas menos palabras mellor. Ti merca e cala. E sobre todo non penses moito.

O proceso de ocupación do espazo polo chapurreo do inglés é tan acelerado como o do alemán cando a xente admiraba o impulso ascensor do III Reich. Só que máis prolongado no tempo.

Así que as xa asentadas vagón, bisté, tanque, cóctel, panfleto, xampú, sándwich ou mitin, ademais das do fútbol, incorporáronse nos últimos anos unha manchea delas procedentes do mundo das comunicacións e do absoluto dominio dese idioma na internet. Pode explicarse pola funcionalidade e especificidade dos termos. Agora ben, nos últimos tempos abrollan verbas inglesas empregadas de xeito ben ridículo e propio da imbecilidade cosmopaleta.

Despois do baño praieiro púxenme unha crema “antiage” e un vestido “bohemian chic”, fun a tomar unha cervexa a un “after bed” onde me atendeu unha “bartender” cun “look”moi “chic” e “casual”, mentres agardabamos que os músicos saísen do “backstage” picamos algo no “catering”, todo moi “cool” e “happy hour”. Achegouse unha amiga, un pouco “hot”, con exceso de “make up”e algo de “stress”, viña do “gym” e tiña que marchar ao “bussines center”,  primeiro a un “casting” e despois a unha “brainstorming” e non tiña tempo para un “break”.

Foi entón cando programamos ir ao Fornelos Wake Club- Cable Park Wakeboarding non sen antes achegarnos aos Food Truck do casco vello.

Por fortuna vendían polbo, ostras, zorza e porco celta. Uff.

Ah, e viño.

Mércores, 9 de agosto de 2017



Ningún comentario:

Publicar un comentario