Vista lateral da igrexa de Refoxos (Cortegada). Foto Galipedia |
Aló
polo comezo do século, como esvara o tempo, isto é, polo ano 2.000, unhas,
poucas, persoas andabamos argallando os primeiros pasos do que era o incipiente
Instituto de Estudos Miñoráns. Impulsor crucial fora o lembrado Nano Cambeiro
que naquela altura sobrevivía facendo xornalismo local co periódico mensual “O
Miñor”. O infortunio levóunolo.
Aqueles
atoutiñantes movementos tiveron moito que ver coa radio. Primeiro na vella
Radio Municipal de Nigrán, que estaba nas últimas boqueadas, xa sen
profesionais, pero que, uns rapaces e rapazas, co apoio do alcalde do momento (Manuel
Rial) e o concelleiro de cultura (Arturo Carreira), esforzábanse en manter con
respiración asistida. Alí, Juan González, Lino Pellitero e máis eu realizamos
durante algúns meses un programa semanal de entrevistas, dunha hora de
duración, que bautizamos como “As lerias do moucho”, por emitirse, en directo,
a unha hora tardía, creo lembrar ás dez da noite. Non recordo onde foron parar aquelas gravacións, no caso de que se chegasen
a gardar. Unha si, seguro, porque non moito despois, co infortunado motivo do
falecemento de Carlos Casares, publicouse en CD acompañando un monográfico
sobre o autor das letras que homenaxeamos este ano. Outra non, pois lembro ben
que a que lle fixeramos a Paco del Riego, na apartamento de Lourido, quixeramos
recuperala co gallo do seu nomeamento como fillo adoptivo de Nigrán e non fomos
quen; por iso o CD que acompañaba o libriño en homenaxe a don Paco contiña só
as palabras do alcalde Rial na lectura da resolución unánime da corporación
municipal nigranesa.
Unha
vez clausurada, politicamente, a radio de Nigrán, fomos acollidos, agora na
compaña de María Xosé González Chamorro, na delegación baionesa de Radio
Voz-Onda Cero. Tamén durante uns poucos meses, ata que a pecharon. Nunca
pensamos que levásemos a orde de peche incorporada aos nosos “pinitos”
radiofónicos, mais parecer parecíao.
Ao
novo programa, moito máis curto, nun formato que combinaba información cultural
cunha breve entrevista, bautizámolo como “A gavela do Guillade”. Relembreino ao
andar encerellado na lectura do primeiro dos volumes dos días negros de Xoán
Carlos Abad Gallego que imos presentar na Libraida de Gondomar, Días negros (2015), Máis días negros (2017), ambos publicados polo Instituto de Estudos
Vigueses.
No
primeiro dos volumes, Abad Gallego danos relatada conta do carlista-guerrilleiro-bandoleiro-
foraxido..., é o que ten perder as guerras, Mateo Guillade, que acadou mítica e
incerta fama durante os primeiros anos da Primeira Guerra Carlista (1833-1840).
Pouco
sabemos do xefe da partida da “Causa Tradicionalista”. Seica fora seminarista.
Ben coñecido é que frades, abades e vellos fidalgos encabezaron a causa de don
Carlos no noso país, mesmo cos trabucos na man.
As
primeiras novas que se teñen do líder guerrilleiro localízano, cara a finais de
1836, no sur da provincia lucense como membro dunha partida procedente das montañas
asturianas. Despois de fuxir das terras da Ulloa e da Ribeira Sacra pola
presión das tropas da rexente María Cristina, a partida, xa comandada por Mateo
Guillade, combateu, aos chamados “liberais”, no sur da provincia ourensá e de
Pontevedra; sempre nun vai e vén polo Miño, nun agocho aquí e outro acolá na
raia seca. Nunca se afastou en exceso da banda fronteiriza e acudía ao refuxio portugués
aínda que, derrotada a causa miguelista, o goberno de Lisboa tiña tanto
interese como o de Madrid en rematar coa aventura carlista.
O
caso é que dende a desembocadura do Miño ata as serras do Suído, do Leboreiro ou o Val de Monterrei, foron
territorios de combate da facción do Guillade, nun escintilante ir e vir de
foraxido transfronteirizo que para si quixeran os guionistas de Hollywood;
tanto coma nós precisamos unha industria cinematográfica.
Durante
dous anos, un grupo duns douscentos homes armados andou guerreando pola
“Causa”, asaltou Tui e A Guarda e foi protagonista de ducias de enfrontamentos
armados ata que, a resultas dun ousado, e fracasado, ataque á casa forte de Refoxos (Cortegada), na
parroquia próxima de Escudeiros: “O xefe
calrista chegaba ó fin do seu vivir”, escribiu Otero Pedrayo. Era o 15 de
agosto de 1838.
Cando
se soubo da morte do xefe faccioso o comandante militar de Ourense deu orde de
levar o cadáver á cidade para expoñelo
en público; o alcalde mandou que tocasen as campás; chamaron o cirurxián para
que lle rabenase a cabeza e colgárona nun gancho. Moita xente de Ourense e
bisbarra, aproveitando que era San Roque, acudiu a contemplar a testa degolada
de Mateo Guillade.
Por
que bautizamos o noso programa radiofónico
como “A gavela do Guillade” fica para mañá.
Martes, 22 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario