Incendio no Pazo de Meirás, 1978 |
Hai
unha reacción extrema da dereita extrema enquistada entre os podrecidos. Cal é a razón deste encabuxamento?.
Sábeno
ben. Cuestionar a propiedade de Meirás é iniciar o proceso, cando menos de debate,
sobre o latrocinio cometido non só pola familia Franco, os militares golpistas
e as tramas civís de apoio, senón sobre unha práctica xeneralizada de roubo,
leva, quita, saca, furto, apropiación, desfalco, despexo, espolio, subtracción,
estafa... das propiedades tanto das emerxentes elites republicanas, familias de
clase media profesional ou empresarial, como de traballadores ou campesiños que
non só foron perseguidas, castigadas, asasinadas, senón tamén desposuídas das
súas propiedades fosen estas casas, terras, xoias, mobles, roupas, pipos de
viño, xatos ou vacas, porcos ou galiñas...
Podemos
imaxinar os adxectivos que queiramos para cualificar a depredación sobre os “outros”,
os “rojos” os “derrotados”. Podemos imaxinar obxectos a roubar. Nin así nos
decatariamos da dimensión. Quizais fose exemplar resumo: pasear un home e
arrincarlle os dentes de ouro. Os anos e os “seus” encargáronse de “legalizar”
as usurpacións realizada polas novas elites medradas ao abeiro da ditadura e
polas vellas que a auspiciaron.
Por
iso non se trata de expropiar unha propiedade, pois non é lexitima, supoñendo
que o dereito á propiedade fose algo
máis que un ideoloxema da burguesía capitalista; trátase de restaurar a
propiedade a quen a adquiriu, reconstruíu e arrombou , que foron as pesetas,
xoias, terras e traballos mal pagos de miles de persoas atemorizadas unhas,
forzadas outras e unhas cantas interesadas. Non se trata de mercar un pazo para
incorporalo ao patrimonio público, senón de devolver o roubado.
O
caso de Meirás é a proba do algodón da “superación” do falsario e eufemístico
“trauma da guerra civil”. A reclamación da devolución debería ir acompañada da
apertura de reclamacións sobre as propiedades roubadas, da anulación dos
procesos militares ilexítimos e ilegais como fixo, xa sei que sen capacidade
xurídica,o Parlamento de Cataluña, e a derrogación da perversión da Lei de
Amnistía de 1977 que de servir para poñer en liberdade os presos
antifranquistas pasou a converterse nunha lei de punto final para exculpar os asasinos,
os represores e os xerifaltes da ditadura.
Para
que non se apague ningunha memoria farei todo o posíbel para poder acompañar o Francés
do Porriño e os demais familiares dos asasinados que o próximo domingo ás 7.30
estarán na inauguración do Monumento Memoria Histórica Volta da Moura, no
último lugar de resistencia das forzas democráticas aos militares sublevados.
Martes,
1 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario