Torrede Babel de libros en distintos idiomas en B. Aires |
Cando cheguei andaban a xogar á pelota. Pouco tardaron en
marchar. Eran catro mozos novos, probablemente estudantes. Xogaban, rían,
empurrábanse, mollábanse e falaban en galego.
Acouguei á beira
dos rapaces alemáns, de pais galegos dos que lle falei onte. Co seu falar
baixiño cumpría aquelar ben a orella para confirmar os cambios de idioma entre
uns e outros. Ao pouco chegaron tres parellas con varios cativos abouxadores,
os cativos e os maiores. Ala a berrar nun castelán de fonética dalgún
territorio que non dei identificado. Queixábanse de que a auga estaba fría, de
onde ían comer, de que tiñan fame… Un dos homes, o máis berrón, cruzou a
estrada da beira da praia e dirixiuse
ata un unha dos restaurantes da outra beira. Dende a porta transmitíalle, como
se estivese na feira de Sabarís, o menú aos outros que respondían con similar
forza pulmonar ata que acordaron ir xantar as dúas e media. Cando acougaron e
escoitaron pos falares xermánicos comentaron polo baixo: que idioma tan
bruto!!!.
Despois fun dar un paseo acompañado. Nunha das voltas a miña compañeira detívose a falar cunhas vellas
coñecidas. Nun determinado momento dirixiuse a min en galego e as outras dúas
botáronse a rir. Ante a nosa mirada sorprendida e o xesto duro, unha delas, sen
abandonar un sorriso babeco, díxolle; perdona cari, es que nunca te oieramos
hablar el gallego!.
Andan os de sorriso babeco, os de “falen en cristiano”,
os españoles por decreto, enrabiados cos cataláns e descargan contra eles toda
a Brunete mediática. Dáme a impresión de que non é só porque o conselleiro ou o
xefe dos mossos falasen no seu idioma senón porque non precisaron de
ministrillos madrileños para resolver os seus problemas e porque, falasen o que
falasen, todos dicían: “No tinc por”.
Ao deus que desfixo a torre de Babel non lle gustan os
idiomas e quixo castigar a humanidade coa confusión das linguas. Equivocouse. O
castigo non foi tal senón o florecemento da diversidade, da creación, da
pluralidade, da mestura, do respecto... de todo o que non lles chista aos que
gustan da homoxeneidade, da monotonía, da imposición, do autoritarismo, da
verdade revelada, da forza, da violenta razón de fe, da superioridade de raza...
do fascismo que emerxe cando se rabuña un chisco na tona da falsidade da
aparencia democrática.
Lúns, 21 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario