Ninguén no mundo islámico, nin moitos en Cataluña, menos
en España, poucos en Galicia, saben que onte, xustamente onte, hai oitenta e un
anos fusilaron a Bóveda. Tempo despois o seu amigo e seguidor Castelao, cabeza
e representación do galeguismo, inspiraba o recordo permanente desta memoria
anual de dor como o Día da Galiza Mártir.
Bóveda caía na Caeira vítima das armas sublevadas,
inspiradas por un deus falsario, por unha relixión deseñada para manter as
clases privilexiadas no poder, pola perversión fanática da incerteza humana,
pola dexeneración moral das elites da guerra, polas augas glaciais do cálculo
egoísta, escribiu Marx.
Onte, xustamente onte, no día anual da memoria da dor,
máis dor acumulada nas Ramblas polas que nun tempo circulaban as augas atoladas
das chuvias torrenciais agora inzadas de mesturas humanas diversas.
Onte, xustamente onte, na Barcelona que representa o
esforzo democrático na construción libre e soberana da nación; na Barcelona que
abre as portas a xentes do mundo; na Barcelona que acolle persoas fuxidas da Siria, do Iraq, da
Libia... arrasadas pola tolemia das dinastías tribais, ben por enfrontarse ou
ben por caer en desgraza ante o imperio; refuxiadas do islamismo fanático que
emprega a mesma lóxica exterminadora do nacionalcatolicismo franquista de hai
oito décadas. O lixo moral que xustifica o asasinato, en nome do catolicismo,
do fervoroso católico Alexandre Bóveda é o mesmo que lexitima a perversión de
matar humanos en nome de Alá, sexa cal sexa a súa relixión ou non teñan
ningunha.
Alguén pode comprender? Alguén pode comprender os
pistoleiros de 1936? Alguén pode comprender os exterminadores das SS? Alguén
pode comprender o mozo da aldea que
marchaba á División Azul e regresaba
feito un asasino? Alguén pode comprender?
Esta é a crise. Todos falan de crise. Algúns falan da
crise do capitalismo financeiro. Pero non, o capitalismo non está en crise,
está en expansión e esta prodúcese coas crises e as guerra, agora xa no
perfecto Estado de Guerra Permanente no que as vítimas son, como se
experimentou ao longo do século XX, a poboación civil. Crise e guerras é o
método que teñen para simplificar a competencia, consolidar a posición dos
vencedores que arruinando todos os demais concentran nas súas mans a maior
cantidade posíbel de capital dispoñíbel.
Durante cinco décadas combateron militar e politicamente
o panarabismo laico, en Exipto, Palestina, Libia, Siria, Iraq... ata derrotalo
ou dexeneralo, agora teñen o inimigo que eles crearon, un que promete a
salvación no máis alá e a condena neste.
Asentan os golpes onde doe, no Londres do “brexit” e na
Barcelona do “procés”. Procuran a expansión do medo. Uns e outros. Onte, xoves,
17 de agosto, un bombardeo da eufemística coalición internacional deixaba 15
mortos civís en Al Raqqa, a capital, seica, dese terrorífico fantasma asasino
que é o chamado Estado Islámico. Os mortos seguen sen ser todos iguais.
Escoito as novas e
o lixo moral babea falando de como vai afectar ao turismo ou ao consumo; ata os
falabaratos insinúan que os que estamos
contra bombardear Al Raqqa ou defendemos
que as nacións son suxeitos políticos somos os responsables morais do crime.
Venres, 18 de agosto de 2017
Ningún comentario:
Publicar un comentario